A PGDEP advirte: "de non retirárense as reválidas faremos un chamamento á insubmisión"

A Plataforma concentrouse diante de Educación para denunciar a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino público

A Coruña -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) concentrouse este mércores 14 de setembro diante da Consellaría de Educación contra a aplicación das reválidas e para denunciar a falta de profesorado, de prazas e de recursos no ensino público. Anxo Louzao, en representación da Plataforma, dixo que se non retiran as reválidas a Plataforma fará un chamamento á insubmisión a estas probas, que foron rexeitadas o curso pasado por máis do 80% das familias.

Na concentración, Louzao repasou tamén as carencias que se evidencian nun inicio de curso marcado pola “obsesión do PP de implantar a LOMCE” e pola posta en marcha das reválidas en 4º de ESO e 2º de Bacharelato, despois de que o curso pasado se fixeran as de  3º e 6º.

Pola súa banda, Fernando Lacaci referiuse á complexa perspectiva que se perfila para este curso no que a LOMCE se sigue impoñendo a “trompicóns” e no que a mocidade non sabe como ten que programar o seu futuro porque nin as familias, nin o profesorado coñecen en que van a consistir as probas e como lle van afectar ao alumnado.

Tamén Iria Figueroa, estudante, insistiu na falta de información sobre as probas de acceso á Universidade e explicou que o alumnado nin sequera sabe que materias ten que cursar para acceder a cada grao, mentres a Xunta parece só preocupada por aplicar todas as medidas que aproba o Goberno do Estado “sen que teñamos certeza sobre o noso futuro como estudantes”.

A Plataforma lembrou que este curso empeza con 64 unidades e 13 escolas menos, cando no ensino privado concertado terá 38 unidades máis e recibe 250 millóns de euros. Denuncia que  máis de 200 unidades superan as ratios máximas establecidas e que en numerosos casos se fan agrupamentos con alumnado de diferentes cursos e niveis.

Anxo Louzao denunciou a falta de profesorado e puxo como exemplo ás familias de Santiso que non están levando os seus fillos e fillas ás aulas por esta razón. Asegurou tamén que a falta de especialistas, nomeadamente de Pedagoxía Terapeútica, Audición e Linguaxe e de Orientación, está prexudicando o alumnado con necesidades educativas especiais. A Plataforma tamén lembra que hai  máis de 3.000 familias que quedan sen prazas no ensino infantil –de 0 a 3 anos- e como, todos os anos, máis de 4.000 alumnos e alumnas non van poder estudar o ciclo de formación profesional que queren.    

Louzao chamou especialmente a atención sobre a situación da nosa lingua que se agrava coa LOMCE -porque a materia de  Matemáticas, que o profesorado está obrigado a impartir en castelán,  ten unha hora máis- e o feito de que a Xunta segue sen cumprir a lexislación ao non avaliar o  proceso de normalización lingüística no ensino.

Lacaci tamén insistiu en que o ensino segue lonxe de ser gratuíto e que as familias teñen que pagar os libros, os materiais, as  saídas e todo o que se fai fóra do que é a docencia estrita na aula.  Neste sentido Iria Figueroa referiuse tamén á suba das bolsas e ao alumnado que non pode estudar o bacharelato no instituto que escolle, por falta de prazas pero tamén de medios económicos para desprazarse.

Diante deste panorama, Anxo Louzao advertiu que a Plataforma vai seguir mobilizándose e non vai parar de loitar até que a derrogación da LOMCE sexa unha realidade.

Volver