A patronal rexeita o avance en dereitos na Construción pontevedresa

O empresariado desbota as propostas sindicais para mellorar as condicións de traballo nun novo convenio
Pontevedra (provincia) - 24 Out 2016

As negociacións do convenio da Construción da Provincia de Pontevedra, que afecta a 14.000 traballadores/as, está a piques de rachar debido á intransixencia patronal coas reivindicacións sindicais. Así o denuncia a CIG-Construción, que iniciará mobilizacións se non hai unha mudanza de actitude.

A Federación da Construción da CIG explica que as diverxencias se centran fundamentalmente na mellora das condicións laborais en materia de subcontratación e garantías no caso de subrogación nas empresas adicadas ao mantemento de estradas e vías férreas.

No primeiro punto, os sindicatos reivindican que se garanta a indemnización por fin de obra, para o que se propón que sexan responsábeis subsidiarias as empresas principais.

No relativo aos caos de subrogación, esixen que, en caso de despedimento, se teña en conta a antigüidade dende o inicio da relación laboral, e non dende o último contrato, como se acoutou na negociación do último convenio estatal do sector. Isto suporía “un claro retroceso en relación coa situación anterior e de dubidosa legalidade”, dende o punto de vista da FCM-CIG.

Outros puntos que se reivindican son os de garantir a información sobre as condicións laborais, rexistro da xornada diaria co fin de evitar o exceso de horas extra ou temas relacionados co desfrute das vacacións, así como un incremento salarial que mellore as condicións económicas actuais.

Para a CIG-Construción “son reivindicacións que deberían ser asumíbeis porque, en definitiva, o único que pretenden é conseguir garantías para o cumprimento da lexislación vixente, tan a miúdo vulneradas pola patronal que, en moitos casos, aproveitándose da situación de necesidade están a impor condicións draconianas en materia de xornada e escamoteando salarios”.

Seguidismo da patronal estatal

A patronal de Pontevedra alega impedimentos por parte da Confederación Nacional da Construción, controlada polas grandes constructoras, que, “atentas exclusivamente aos seus intereses oligopolísticos, actúan como estruturas feudais” e impoñen unhas condicións económicas e laborais abusivas das que son vítimas os traballadores. O persoal paga, así, as consecuencias das licitacións á baixa que se producen pola competencia existente no sector para acceder a calquera contratación.

Dende a Federación da Construción da CIG, central maioritaria no sector, intentan que a patronal de Pontevedra abandone o “estrito seguidismo” co que acatan as consignas da gran patronal e “asuman a responsabilidade que lles corresponde ante os seus traballadores e interlocutores sociais”.

Se non varía a posición empresarial, aseguran que se verían na obriga “de iniciar mobilizacións no ámbito do Convenio Provincial para desbloquear o actual estado de cousas”.