Na reunión celebrada na tarde de onte, 2 de xuño, as organizacións sindicais CIG e CCOO trasladáronlle á patronal a contestación á proposta presentada a pasada semana, co resto dos puntos necesarios para avanzar na negociación do convenio colectivo. Malia o esforzo por achegar unha proposta unificada que facilite seguir traballando para acadar canto antes un acordo que satisfaga as demandas do persoal, a resposta da patronal foi volver á súa estratexia habitual de dilación e bloqueo.
Nunha mostra máis da súa falta de compromiso coa negociación, o empresariado decidiu cancelar a reunión prevista para o próximo xoves día 4, alegando que non dispón de tempo suficiente para analizar as cuestións presentadas.
A maiores, a patronal ameazou con que, de asinarse o convenio despois de xuño, este só tería efectos desde o día da súa sinatura, e non desde o 1 de xaneiro como ocorreu sempre na historia do convenio do metal da Coruña.
Para CIG e CCOO resulta difícil aceptar esta escusa cando se trata de propostas que xa foran entregadas no pasado mes de xaneiro e que, polo tanto, son perfectamente coñecidas pola representación empresarial. “O que estamos a vivir non é un problema de tempo, senón unha clara falta de vontade de avanzar”, denuncian.
Ambas centrais non van aceptar ningún tipo de ameaza, menos aínda cando “os traballadores e traballadoras seguen sufrindo a perda de poder adquisitivo, a precarización das condicións laborais e a incerteza sobre o futuro do convenio, e a patronal continúa gañando tempo e retrasando deliberadamente a negociación”.
Resposta contundente nas próximas folgas
Por iso, fan un chamamento a manter e reforzar a participación nas próximas xornadas de folga dos días 9, 10 e 11 de xuño, “porque é a única forma que a patronal ten de entender a necesidade de negociar con seriedade”.
Tras o sucedido na reunión deste martes, CIG e CCOO consideran que este “é o momento de demostrar que non estamos en disposición de aceptar máis atrasos, máis escusas, nin máis manobras para impedir que o convenio avance” e dar unha resposta contundente nas tres xornadas de folga.
Asembleas de persoal
Para informar do estado da negociación e acordar xa un calendario de novas mobilizacións, convocaranse asembleas de persoas traballadoras na Coruña, Ferrol e Compostela nos próximos días. “Só coa unidade, a organización e a mobilización seremos capaces de obrigar a patronal a abandonar a súa actitude de bloqueo e sentar a negociar con vontade real de chegar a acordos”, conclúen.