A patronal do sector dos elaborados do mar aposta pola represión para boicotear a folga

Dúas traballadoras foron trasladadas ao hospital con contusións tras a actuación policial ordenada pola Subdelegación
Vigo/Pontevedra - 31 Out 2018

A patronal dos elaborados do mar decidiu apostar pola represión para boicotear a folga convocada no sector co obxectivo de reclamar un convenio colectivo que mellore unhas condicións laborais que dende as centrais sindicais cualifican de “escravitude”. A FGAMT-CIG critica a actitude do empresariado e denuncia a “desproporcionada” actuación das forzas de seguridade ordenada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

O terceiro día de folga no sector, que volveu rexistrar un seguimento maioritario que paralizou a produción das principais empresas, estivo marcado pola violencia policial. De novo a tensión trasladouse dende primeira hora da mañá ás portas de Cabomar, compañía de Marín propiedade do presidente da patronal Conxemar, José Luis Freire, onde a numerosa presenza de piquetes evitou a entrada de persoal contratado a través de ETT co fin de evitar a paralización da fábrica como consecuencia do seguimento maioritario que rexistrou o terceiro día de paro.

Dende a FGAMT-CIG denuncian o “matonismo” da patronal coa colaboración da Subdelegación e da Policía española para intentar deixar sen efecto a medida de presión acordada polas traballadoras/es. Como consecuencia da actuación policial dúas persoas tiveron que ser trasladas en ambulancia até o hospital pontevedrés Montecelo para que fosen atendidas das diversas contusións que presentaban. “Non se poden consentir estas agresións a mulleres indefensas que o único que fan é reclamar un convenio digno”, sinala o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi.

O responsábel sindical carga tamén contra a vulneración do dereito de folga mediante a contratación de persoal de ETT, que finalmente non accedeu ás instalacións da empresa ante a presenza dos piquetes. Deste xeito, a produción permaneceu totalmente paralizada, ao igual que nas outras principais compañías do sector como Mascato, en Salvaterra, ou Fandicosta, en Domaio.