A partida de xadrez xeopolítica EEUU-Rusia en América Latina

Germán Gorraiz Lope -

As medidas cosméticas tomadas pola Administración Obama no seu primeiro mandato, a respecto de Cuba, deixan intacto o bloqueo e non cambian substancialmente a política de Washington

 A división de Ucraína en dúas metades case simétricas (quedando o sur e leste do país -incluída Crimea- baixo a órbita rusa mentres o centro e oeste da actual Ucraína navegarán tras o ronsel da UE), significou ‘de facto’ o retorno ao endemismo recorrente da Guerra Fría Rusia-EEUU, sendo Putin plenamente consciente da nova dinámica acción-reacción na que se verán envolvidas as relacións ruso-estadounidenses a partir deste momento. Así, EUU servirase da Alianza Panamericana, refinado proxecto de enxeñaría xeopolítica cuxa finalidade última sería dinamitar o proxecto integracionista representado pola UNASUR e intensificar a política de illamento dos Gobernos progresista-populistas da rexión,en especial de Venezuela tras quedar orfa da alma mater da Revolución Bolivariana (Chávez) mediante a estategia kentiana do “pau e a cenoria” que conxugará a axuda económica e o asinamento de acordos preferenciais con países ideoloxicamente afíns cos intentos de desestabilización dos Gobernos de corte populista-progresista (Cuba, Nicaragua, Ecuador, Bolivia e Venezuela), convertendo de paso a Colombia no portaavións continental de EEUU.

 Por parte rusa, as relacións con Iberoamérica virán marcadas polo pragmatismo económico e os acordos bilaterais para a venda de produtos militares e o traspaso de tecnoloxía aos países sudamericanos. Ademais, Rusia estaría negociando instalar as súas bases militares con Cuba, Venezuela, Nicaragua, Seychelles e Singapur co obxectivo inequívoco de ampliar o radio militar ruso, pois segundo o analista Lajos Szaszdi “a apertura da bases no exterior é necesaria para a disuasión estratéxica de Rusia, a intelixencia, así como para verificar os acordos do desarmamento e tamén determinar que plans hai de parte do Pentágono en caso de operacións ou intervencións no estranxeiro”, non sendo desbotábel que na recente visita de Putin á Illa se procedese ao asinamento dun novo Tratado de Colaboración militar ruso-cubana (lembrando o Pacto Secreto asinado en 1960 en Moscova entre Raúl Castro e Kruschov) que incluiría a instalación dunha base de radares na abandonada base militar de Lourdes para escoitar comodamente os murmurios de Washington.

Putin e Cuba

 O asinamento por parte de Mendeiev do Pacto pola Amizade e Cooperación con Cuba contribuíu a sanear a maltreita economía da illa tras ser arrasada por sucesivos furacáns (o impacto en 2008 dos ciclóns Gustav, Ike e Pomba provocou perdas por uns 10 mil millóns de dólares) e ver minguados considerabelmente os seus ingresos por exportación do níquel (os prezos caeron duns 54.000 dólares a tonelada de níquel a pouco máis de 10.000 dólares), debido á crise global. Cuba, que ocupa o décimo lugar das exportacións rusas a países latinoamericanos aínda que as cifras de intercambios comerciais sexan manifestamente mellorábeis (o intercambio comercial entre Rusia e Cuba alcanzou nos últimos anos unha media duns 300 millóns de dólares ao ano). Respecto ao achegamento de EEUU a Cuba, as medidas cosméticas tomadas pola Administración Obama no seu primeiro mandato (relaxación das comunicacións e o aumento do envío de remesas á illa así como o inicio dunha rolda de conversas sobre temas de inmigración), deixan intacto o bloqueo e non cambian substancialmente a política de Washington aínda que reflicten o consenso de amplos sectores do pobo norteamericano a favor dun cambio de política cara á Illa auspiciado pola decisión do réxime cubano de terminar co paternalismo estatal e permitir a libre iniciativa e o traballo por conta propia.

 Obama atoparía no Papa Francisco un estreito colaborador na súa ardua tarefa de substituír a diplomacia das armas polo diálogo e o consenso e Francisco participaría discretamente na secreta negociación levada a cabo entre Cuba e EEUU para lograr o desxeo entrambos os países mediante o intercambio de Alan Gross e un oficial estadounidense por tres membros de “Los 5”, seguido da desaparición de Cuba da listaxe estadounidense de países terroristas e da apertura de embaixadas. Porén, a pesar case dous meses despois do anuncio da Administración Obama de que se permitiría ás institucións financeiras cubanas o uso do dólar para realizar certas transaccións, Cuba segue sen poder realizar ningunha operación bancaria na devandita moeda o que xuntamente coa renovación automática por parte de EEUU por un ano máis do embargo comercial á illa podería supoñer para Cuba perdas estimadas en preto de 70.000 millóns de dólares. Se se recompón a OEA (que é o ambiente natural onde América Latina se comunicaba con EEUU) poderíase avanzar en temas como o bloqueo a Cuba e poderíanse mellorar as relacións con gobernos considerados "non gratos" por Washington como Nicaragua, Ecuador, Bolivia e Venezuela pero, en caso contrario, poderiamos asistir ao asinamento dun novo tratado de colaboración militar de Cuba coa Rusia que incluiría a instalación de bases dotadas con mísiles Iskander e con avións estratéxicos con armas nucleares (os temíbeis TU-160 coñecidos en Occidente como BlackJak), podendo reeditarse a “crise dos mísiles” (outubro de 1962).

Putin e Venezuela

 Representantes do goberno venezolano e ruso coincidiron en fortalecer as relacións entrambos os países durante a clausura dunha reunión organizada polo Sistema Económico Latinoamericano e do Caribe (SELA), co claro obxectivo aumentar o volume comercial entre as partes (ascendente case 967,8 millóns de dólares en 2008), ao ser considerado Venezuela como un socio estratéxico para Rusia. Con respecto á creación do Banco Binacional ruso-venezolano, ambas as partes esperan potenciar o comercio bilateral e constituír un novo esquema de unión dentro da alianza estratéxica, utilizando moedas nacionais nas transaccións comerciais entrambos os países para logo utilizalas como fonte de acumulación de reservas e así adquirir preeminencia fronte ao dólar nas operacións financeiras internacionais, dentro da ofensiva de Putin para acabar co papel do dólar como patrón monetario mundial. Pola súa banda, o holding ruso Gazprom xunto coa compañía estatal Yacimientos Petrolíferos Fiscales Bolivianos (YPFB) e a francesa Total E&P asinarían un acordo para o proxecto de exploración de gas no bloque Azero no sur-oriente boliviano que significará un investimento de 4.500 millóns de dólares. Porén, a posíbel instalación dunha megabase naval e loxística en Venezuela xuntamente co acordo chinés-venezolano polo que a empresa petroquímica estatal chinesa Sinopec investirá 14.000 millóns de dólares para lograr unha produción diaria de petróleo en 200.000 barrís diarios de cru na Faixa Petrolífera do Orinoco (considerado o xacemento petroleiro máis abundante do mundo), serían un mísil na liña de flotación da xeopolítica global de EEUU (cuxo obxectivo inequívoco sería secar as fontes enerxéticas de China), polo que non sería desbotábel un intento de vez de man da CIA contra Maduro.

Implicación de EEUU no ‘golpe brando’ contra Dilma Rousseff

 Putin esperaba intensificar as relacións comerciais con Brasil, ao seren ambos membros do BRICS e aínda que se desbota que os devanditos países forman unha alianza política como a UE ou a Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), ultimamente intensificarían a súa cooperación política para obter acordos en comercio exterior e extraer concesións políticas dos países desenvolvidos (cooperación nuclear proposta coa India e Brasil), pois os devanditos países teñen o potencial de formar un bloque económico cun estatus maior que do actual G-8 (estímase que no horizonte do 2050 terán máis do 40% da poboación mundial e un PIB combinado de 34.951 billóns de dólares).

 O obxectivo ruso sería duplicar a facturación dos intercambios comerciais ruso-brasileiros (10.000 millóns de dólares ao ano), intercambios que incluirían a exportación a Rusia de avións, máquinas, ferramenta e equipos, pezas de reposto para automóbiles, dispositivos electrónicos, instalacións para hospitais, artigos téxtiles e cosméticos xuntamente coa ampliación da exportación de produtos agrarios (millo, soia, froitas e zumes) e Brasil crearía conxuntamente con Rusia empresas mixtas especializadas en fabricar turbinas e equipos destinados a extraer petróleo e gas e transportar enerxía eléctrica (do que sería paradigma o Gasoduto do Sur). Así, Gazprom axudará á petroleira brasileira Petrobrás a construír un gasoduto para distribuír polo país o gas que se extraia nas augas de Santos Basin, unha zona situada no sueste de Brasil na que os estudos xeolóxicos definen unhas reservas capaces de proporcionar 30 millóns de metros cúbicos diarios (seis máis que os 24 que na actualidade Bolivia vende a Brasil e que supoñen a metade do consumo diario do país carioca).

 No plano político, o obxectivo de Putin sería neutralizar a influencia da UE e EEUU no cono sur americano e evitar a posíbel asunción por Brasil do papel de "xendarme dos neoconservadores" en Sudamérica ao ser considerado por todos eles como un potencial aliado na escena global e ao que poderían apoiar para o seu ingreso no Consello de Seguridade da ONU como membro permanente , co conseguinte aumento do peso específico de Brasil na xeopolítica mundial. Así, segundo o ex-presidente Lula Da Silva, “os americanos non aturan o feito de que Brasil se convertese nun actor global e, no fondo, o máximo que eles aceptan é que Brasilia sexa subalterno, como xa o foi” e a Presidenta Rousseff esixiu a Estados Unidos explicacións convincentes das razóns da Axencia de Seguridade Nacional (NSA) para presuntamente violar as redes de computadoras da petroleira estatal Petrobrás e tras o seu enérxico discurso na apertura da 68 Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU), co que gañou a inimizade da Administración Obama que procederá á implementación do "caos construtivo" en Brasil para desestabilizar o seu mandato presidencial (impeachement).

 Para rematar, a agudización da crise económica podería dar lugar a unha fonda constrición das exportacións de produtos iberoamericanos e da entrada de remesas dos emigrantes (sobre todo en Ecuador e Bolivia cuxas remesas de inmigrantes supuxeron no 2007 o 10% do PIB), o que podería supoñer unha desfeita económica e social e terminar por desencadear frecuentes estoupidos de conflitividade social e a expansión de ideoloxías esquerdistas, sendo previsíbel unha clara regresión das liberdades democráticas e un posíbel regreso a escenarios xa superados de ditaduras militares e guerrillas revolucionarias na América Latina e do Caribe na próxima década.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Telesur’, do 23 de maio de 2016]

Volver