A OTAN como ameaza á paz mundial

Augusto Zamora R. - 17 Ago 2016

EEUU ten establecidos dous escenarios de conflito, que definirán o éxito ou o fracaso do seu proxecto de hexemonía mundial no século XXI: Europa e o Sueste Asiático (sen esquecer Irán e o Golfo Pérsico). Pero EEUU sabe que non pode enfrontar só a dúas potencias das magnitudes de China e Rusia

 Hai poucos días, o Atlantic Council, un think tank próximo á OTAN, publicou un alarmante informe, titulado Arming for Deterrence, sobre a posíbel invasión de Polonia por Rusia. Tamén facía especulacións sobre a ocupación rusa dos países bálticos en menos de 48 horas. Para previr tales ameazas, os autores do informe pedían un drástico despregamento de tropas da OTAN neses países e un aumento destacado do gasto militar. O único inconveniente dese informe é que non existe ningunha ameaza rusa nin hai ninguén en Moscova pensando en ocupar Polonia. Trátase, máis ben, dun informe máis dirixido a crear alarma para xustificar a existencia da OTAN, o gasto militar, a militarización de Europa e a omnipresente presenza militar de EEUU.

 Semanas atrás, os ministros da Alianza Atlántica reunidos en Varsovia, os días 8 e 9 de xullo, aprobaron novas medidas de cerco militar sobre Rusia. A decisión foi revestida de ocas frases, dirixidas tanto a disfrazar a política de acoso contra a superpotencia eslava, como a enganar o cidadán medio, que debe seguir crendo que a OTAN é, para Europa, a reencarnación do Espírito Santo e está aquí para velar hoxe polos vivos -mañá polos mortos-. Escasa verdade hai nas frases e demasiada verdade nas accións (“polos seus feitos os habedes coñececer”, di o Evanxeo), que apuntan a preparativos disimulados e pautados para unha guerra da OTAN contra Rusia.

 Non hai novidade niso para os que seguimos a política de EEUU desde os anos 90 do pasado -tan presente- século XX. En 1997, aínda baixo o impacto do suicidio da Unión Soviética, creouse un grupo de presión estadounidense baixo a denominación de Project For a New American Century (PNAC), que tiña como fin promover a hexemonía de EEUU no século XXI, aproveitando o enorme baleiro de poder deixado pola Unión Soviética. O PNAC estaba integrado por destacados políticos republicanos como Dick Cheney e Paul Wolfowitz -que despois serán os cerebros da guerra en Iraq- e teóricos de extrema dereita como Robert Kagan. O documento do PNAC, á súa vez, inspirouse noutro, elaborado polo Departamento de Defensa en 1992 (Draft Defence Policy Guidance -DDPG-ou Guía para a Planificación da Defensa), sobre como reestruturar o mundo tras a desaparición da superpotencia soviética. O PNAC propoñía tres eixes que debían rexer a política de Washington, para garantir a hexemonía absoluta de EEUU no século XXI:

1.- Impedir o xurdimento dunha potencia rival (“O noso principal obxectivo é previr a aparición no escenario internacional dun novo rival. Esta consideración é innegociábel... e precisa que poñamos en marcha agora as medidas necesarias para evitar... o xurdimento de poderes hostís en rexións vitais... que non son outras que Europa Oriental, o Sueste Asiático e a antiga URSS”).

2.- Determinación dos escenarios de potencial ameaza a EEUU, como o Golfo Pérsico, os mísiles balísticos e as armas de destrución masivas.

3.- Impoñer o unilateralismo de EEUU e formar coalicións internacionais ad hoc para enfrontar crises específicas.

 Moitos membros do PNAC influíron no goberno de Bill Clinton e, logo, foron parte do goberno estadounidense con George Bush Jr., Desde os seus novos cargos, aplicáronse a fondo a executar as políticas para establecer “o novo século americano”. As sucesivas guerras tardo-imperialistas en Iugoslavia (1999), Afganistán (2002) e Iraq (2003), obedeceron á lóxica do PNAC. Con Iugoslavia aseguraron o control de Europa do Leste (ingreso de Polonia, Hungría e Chequia na OTAN) e a submisión da Unión Europea, que abandona os seus proxectos de autonomía (creación do Euroexército e política exterior propia), para se pregar a EEUU. A guerra en Afganistán -dirixida a establecer o dominio de EEUU en Asia Central- ofrece o marco para o ingreso na Alianza Atlántica, en 2004, de Bulgaria, Romanía, Eslovaquia e as repúblicas bálticas. En 1998 o ex conselleiro de Seguridade Nacional, Zbigniew Brzezinski, afirma que “a Alianza Atlántica insere a influencia e o poder militar estadounidense directamente no continente euroasiático... calquera expansión do ámbito europeo automaticamente implica unha expansión da área de influencia directa estadounidense”. Brzezinski, por demais, é considerado polo historiador estadounidense Webster Tarpley, no seu libro Obama, The Postmodern Coup, The Making of a Manchurian Candidate, como “o verdadeiro poder na sombra [do goberno Obama] á vez que a súa estratexia é moito máis perigosa...  que a dos acólitos neo-conservadores de George W. Bush”.

 O seguinte paso era a militarización de Europa, desde as fronteiras con Rusia até o Estado español, así como o ingreso na OTAN de Estados exiguos, sen relevancia ningunha, como Montenegro, para non deixar cabos nin espazos soltos. Aplicando esa política, non deixaron de crearse novas bases e establecementos militares estadounidenses, desde Rota a Estonia, pasando por Polonia, Bulgaria e Romanía. O resultado está á vista, para os que desexen ver: Europa do Leste estase convertendo nunha enorme base militar, na que Alemaña empeza a xogar o papel de Estado-xendarme, abandonando as políticas de amizade e conciliación con Rusia. En febreiro de 2016 aprobouse a creación dunha forza de intervención rápida, capaz de despregar -en moi poucos días- 5.000 efectivos, dos que o Estado español achega 4.000, estando ao mando desta. O Escudo Antimísiles despregarase no Estado español, Polonia e Romanía. Agora, catro batallóns van establecerse en Letonia, Estonia, Lituania e Polonia. Que todo isto é preparación da guerra díxoo o comandante saliente das forzas da OTAN en Europa, o xeneral estadounidense Philip Breedlove, o pasado 25 de febreiro, cando que EEUU está preparado “para combater e derrotar” a Rusia en Europa.

 O outro escenario é o Sueste Asiático. Seguindo as directrices do PNAC, EEUU promoveu o rearmamento de Xapón, reabriu a base Clark en Filipinas, aumentou a súa presenza naval e asinou un acordo con Corea do Sur para o establecemento, neste país, dunha base máis do Escudo Antimísiles, baixos as advertencias de China e Rusia.

 EEUU ten establecidos dous escenarios de conflito, que definirán o éxito ou o fracaso do seu proxecto de hexemonía mundial no século XXI: Europa e o Sueste Asiático (sen esquecer Irán e o Golfo Pérsico). Pero EEUU sabe que non pode enfrontar só a dúas potencias das magnitudes de China e Rusia. Necesita que Europa proporcione tropas cipaias para combater na fronte rusa, mentres eles o fan na fronte asiática, repetindo a estratexia da II Guerra Mundial. Unha invitación ao suicidio de Europa.

 Ningunha destas superpotencias quedou de brazos cruzados. Rusia, para empezar, non está soa. Ten a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, que reúne a Rusia, Bielorrusia, Kazakhistán, Armenia, Quirguikhistán e Taxikhistán. Desde 2002 mantivo un poderoso proceso de modernización do seu exército, armada, aviación, mísiles e poder nuclear, que estará concluído en 2020. China, pola súa banda, leva vinte anos realizando multimillonarias investimentos na modernización das súas capacidades militares, preparando o que moitos en China consideran unha inevitable confrontación con EEUU polo control do mar da China, os estreitos malacos e o mar do Xapón.

 Conscientes de que comparten un adversario común, Rusia e China manteñen, desde hai tres lustros, un acelerado proceso de cooperación, que abrangue desde o eido alimentario ata a colaboración espacial. O embargo de novas que existe de facto en Europa sobre eses sucesos, impide que a cidadanía teña conciencia da envergadura da alianza estratéxica entre China e Rusia. Na visita de Vladimir Putin a Beijing, a fins de xuño, asináronse ducias de acordos, dirixidos a multiplicar o poder e desenvolvemento económico, comercial, enerxético, militar e estratéxico entrambos os países. Unha alianza que xunta os inmensos recursos económicos e comerciais chineses coa enorme capacidade científico-técnica e os recursos materiais e humanos de Rusia. Falamos, para quen necesite argumentos máis visuais, de países que, xuntos, suman 35 millóns de km2, 1.500 millóns de habitantes e que se estenden do mar Báltico a Extremo Oriente. Non son o Xapón de 35 millóns de habitantes de 1939, nin a Alemaña inzada de inimigos e sen recursos materiais deses anos. Tamén recordar que son a primeira e segunda potencias nucleares do mundo, dato a ter moi en conta.

 Nesta desinformada Europa non se informa da Organización de Cooperación de Shanghai (OCS), creada en 2002 co obxectivo de que os Estados da rexión resolvan por si mesmos os seus problemas, sen inxerencias externas de ningún tipo. Unha mensaxe dirixida contra EEUU que, sob pretexto da guerra en Afganistán, intentou implantar bases militares no corazón de Asia Central, de onde foi expulsado. A OCS é, posibelmente, a organización máis importante xamais creada en Asia, á que se incorporarán, en 2017, India e Paquistán, dous Estados adversario, con tres guerras no seu haber, e que sentarán xuntos, por ver primeira, nun foro desa magnitude. Irán será o seguinte membro. EEUU intentou, de xeito van, cooptar a India para a súa política contra China, demostración das súas debilidades en Asia. India é aliada de Rusia desde os anos 50 e Paquistán de China. Ingresarán na OCS como froito da crecente concordia entre Rusia e China. Á beira desas alianzas, a OTAN é un pigmeo avellentado e reumático, sen posibilidade ningunha de triunfar en ningunha fronte. Da ineficacia da OTAN dan fe os seus fracasos clamorosos en Afganistán, Iraq e Libia.

 Nese panorama a pregunta é: que gaña Europa no seu papel de “república bananeira” de EEUU? Por que teñen os pobos europeos que se ver arrastrados a un conflito bélico para soster o delirio estadounidense de dominio mundial e onde Europa ten todo que perder e nada que gañar? Onde están os europeístas que falaban de construír unha Europa autónoma, con presenza independente no escenario global? Europa aínda está a tempo. Outra cuestión será que as elites gobernantes permitan que os europeos se salven a si mesmos. Ou terán os rusos que salvar a Europa novamente?

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 6 de agosto de 2016]