A nova fórmula de cálculo do IPC e a perda de poder adquisitivo

Clodomiro Montero -

No ano 2017 comezou a aplicarse un novo modelo de cálculo do IPC (Índice de Prezos ao Consumo). É un indicador que en moitos convenios serve de referencia para pactar a suba dos salarios, polo que o movemento sindical debería estar máis vixiante e avaliar calquera cambio na formula de cálculo impulsado por Madrid e Bruxelas.

O Goberno español usa todas as vías ao seu alcance para devalar os salarios, a fórmula de cálculo do IPC tamén é unha delas.

O IPC adiantado do ano 2017 indica que os prezos subiron un 1.2%, o IPC harmonizado (comparado coa UE) subiu un 1.3. A evolución dos prezos semella ir por outro lado, no 2017 os alugueiros subiron un 18.4% (o alugueiro supón de media un 31% das rendas familiares); no mes de novembro o Ministro de Enerxía avanzaba que a electricidade subiría un 10%, predición que, á espera dos datos definitivos, quedou curta; seguindo no apartado da enerxía o “gas” subiu un 6.9%; e o prezo do petróleo subiu un 30%, pechando o barril por riba dos 60 dólares.

Resulta sorprendente que o IPC pechara no 1.2%, cando no mes de novembro fora do 1.6%, alegando o INE que se debeu á baixada dos combustibles, malia a suba anual do barril de petróleo.

O que chaman Instituto Nacional de Estatística (que é estatal), calcula o IPC en base a unha hipotética cesta da compra, que agrupa un total de 479 produtos, din que ponderando o peso de cada produto en relación á súa relevancia sobre o total do gasto. Segundo esa ponderación que arrincou no 2017 os gastos en alimentación supoñen o 19.8%; no transporte o 14.7%; na vivenda e subministracións (luz, auga, gas, etc) o 13.3 %; en restaurantes e hoteis o 12.1; en ocio e cultura o 8.5%; outros bens e servizos (perruquerías, etc) o 6.7%; vestimenta e calzado 6.7%; mobles e artigos do fogar 5.9%; sanidade o 4%; comunicacións 3.6%: alcohol e tabaco 3%; ensino 1.7%.

Estas ponderacións contrastan coas publicadas polo propio INE na “Enquisa de Orzamentos Familiares” do ano 2016, tamén elaborada cunha nova fórmula impulsada pola UE: alimentación o 14,6%; vivenda e subministracións o 30.9%; transportes 11.6%; restaurante e hoteis 9.9%; ocio e cultura 5.7%; outros bens e servizos 7.9%; vestimenta e calzado 5.1%; mobles e artigos do fogar 4.5%; sanidade 3.4%; comunicacións 3.1%; alcohol e tabaco 1.9%; ensino 1.4%.

Nese informe o INE revela que o 20% dos fogares con menor renda gastan un 60% en alimentación e vivenda, e só gastan o 5.5% en hoteis e restaurantes;  mentres no 20% dos fogares con maior renda o gasto en alimentación e vivenda é do 37% e en hoteis e restaurantes o 11.6%.

Segundo o INE as familias gastan de media un 30.9% da súa renda en vivenda (os gastos en adquisición de vivenda non se contempla neste apartado) e subministracións, pero logo para o cálculo do IPC redúcese ao 13.3%. Neste senso as persoas con menos rendas gastan en vivenda e subministracións un 32.3% do salarios e un 16.4% en alimentación.

É dicir aqueles bens ou servizos básicos habitualmente mais sometidos á inflación coma a vivenda, electricidade, gas, pesan moito menos para o cálculo do IPC, o cal á súa vez ten un maior impacto para as persoas con menores rendas, que teñen unha maior porcentaxe de gasto nese apartado. Logo hai produtos, habitualmente pouco “inflacionistas”, que pesan máis do que deberían. Para o cálculo do IPC a suma dos gastos en “ocio” e “restaurantes e hoteis” é do 20.6%, pesan mais que os gastos en vivenda!. Cando ademais o gasto medio das familias é do 15.6% (nos fogares con menos renda o gasto é 8.5 puntos menos, do 12.1%).

En definitiva o informe “Negociación colectiva, IPC e perda de poder adquisitivo dos salarios” elaborado no 2004 polo catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, a petición da CIG, segue plenamente vixente, tanto na súa análise, coma nas propostas. Moito máis tendo en conta os cambios introducidos no 2017, dende Bruxelas e Madrid, na fórmula de cálculo que fan que a suba dos prezos dos produtos e servizos básicos non se reflicta no IPC.

 

[Galiza, 8 de xaneiro de 2018]

Volver