A mobilización social é a que permitirá a recuperación dos dereitos

Nacional - 02 Xul 2018

Xa é hora de recuperar os nosos dereitos. Esta foi a consigna baixo a que a CIG se mobilizou o pasado 19 de xuño para esixirlle ao novo Goberno do PSOE pasos firmes para a derrogación e anulación das reformas antiobreiras e antisociais impostas so pretexto da crise. Rematar con estas políticas será a única maneira de rachar coa precarización laboral e o empobrecemento dos salarios. Mais para lograr este obxectivo, a clase obreira debe rearmarse dende as rúas e os centros de traballo, demostrando a súa capacidade de loita para esixir un calendario real de recuperación dos dereitos que permita ter emprego, salarios e pensións dignas na Galiza.

Aínda que desaloxar ao PP era prioritario, o cambio de Goberno ten que levar parello un cambio radical de políticas. "Non abonda cos xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para manter a reforma laboral", advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pois de igual xeito que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, "teñen que conseguir a correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque, do contrario, estaremos ante un grande engano e unha fraude".

Os dereitos conquístanse

Porén, os movementos feitos até o de agora polo PSOE aventuran que toda a súa acción se limitará a un lavado de cara, mais sen tocar o núcleo duro das contrarreformas. Consciente da expectativa xerada, a clase traballadora non pode caer na trampa desta política de aparencias e na desmobilización. "Sería un erro enorme", subliña Carril, especialmente porque o novo Executivo xa comezou a desdicirse do que prometeu, asegurando agora que non van botar abaixo a reforma laboral por falta de apoio, "cando hai uns meses dicían que sería unha das primeiras medidas a tomar".

Non cómpre perder de vista que o PSOE é  responsábel e causante de moitos dos ataques que padecemos, a comezar pola reforma laboral de 2010, a reforma exprés da Constitución para primar o pagamento da débeda pública fronte ao gasto social e seguindo coa das pensións de 2011.

Con este panorama, a CIG insta a manter viva a loita "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno porque si". A mobilización constante e sostida no tempo é o factor chave para forzar e facer reais os cambios necesarios que levamos anos reivindicando e que non poden demorar máis tempo. "A reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", acusa Carril, engadindo que "non podemos quedar de brazos cruzados agardando os cambios, senón que temos que saír á rúa buscalos".

O pacto social non é alternativa

Un sindicato digno de tal nome ou está ao servizo dos intereses da clase traballadora ou está do outro lado, no derrotismo e no entreguismo do pacto social, do que estamos a ver como se escribe un novo capítulo co asinamento do IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, a través do que CCOO e UGT renuncian á loita pola recuperación dos dereitos laborais, salariais e sociais da clase traballadora, asumindo as teses patronais e facéndolle o xogo ao PSOE na súa axenda de "reformiñas".

Pero que non nos confundan e que non nos enganen. Os dereitos conquístanse coa mobilización, con organización e con contestación social permanente.