A maioría de empresas do transporte de viaxeiros/as de Ourense aínda non abonaron os atrasos salariais de 2025 e 2026

A FGAMT-CIG denuncia o incumprimento do convenio colectivo incluso por compañías que participaron na negociación e na sinatura
Ourense - 23 Set 2026

A FGAMT-CIG de Ourense denuncia o incumprimento do convenio colectivo provincial de Transporte de Viaxeiros/as por Estrada no que ten que ver cos atrasos salariais correspondentes aos anos 2025 e 2026, xa que a maioría das empresas do sector aínda non procederon ao seu abono, incluso as que participaron directamente na negociación e posterior sinatura do acordo.

Na central sindical consideran especialmente sorprendente o feito de que se trata dun convenio que foi negociado e ratificado coa participación da representación empresarial, “polo que non se entende que, unha vez acordadas as condicións económicas, sexan precisamente as persoas traballadoras as que teñan que seguir agardando para cobrar o que lles corresponde”, tal e como sinala o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ourense, Rubén Requeixo. 

Non se pode asinar un convenio colectivo e despois deixar sen efecto, na práctica, unha parte dos acordos alcanzados

Neste senso, lembra que os acordos alcanzados na negociación colectiva deben ser cumpridos por todas as partes, e que as actualizacións salariais e os atrasos derivados da aplicación do convenio forman parte dos dereitos económicos dos cadros de persoal.

En consecuencia, a CIG reclámalles ás empresas que aínda teñen cantidades pendentes que procedan ao seu aboamento coa maior brevidade posíbel e que dean cumprimento íntegro ao establecido no convenio colectivo. “Non se pode asinar un convenio colectivo e despois deixar sen efecto, na práctica, unha parte dos acordos alcanzados. O que se pacta na mesa de negociación ten que chegar ás nóminas”, engade Requeixo.

O responsábel sindical anuncia que a central continuará vixiando o cumprimento do convenio e adoptará as medidas sindicais e legais que considere oportunas para defender os dereitos económicos, ao tempo que fai un chamamento ás compañías para que regularicen canto antes os pagamentos pendentes e eviten prolongar unha situación que está a xerar malestar entre os cadros de persoal. “O convenio negóciase para cumprirse. As persoas traballadoras non poden seguir esperando polo que lles corresponde”, remata.