A loita en Extel en defensa do emprego e contra a precariedade recibe o Premio “10 de Marzo”

Seixo: “Ao longo do ano son miles os traballadores/as que loitan polos seus dereitos e condicións laborais”

Nacional -

A loita que en 2016 desenvolveron as traballadoras e traballadores de Extel contra un ERE que desde o primeiro momento sabían que era unha fraude mereceu o máximo recoñecemento que a CIG outorga cada ano co Premio “10 de marzo”. Un conflito do que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, salientou que exemplifica as múltiples loitas, non poucas veces silenciadas, que ao longo do ano protagonizan as traballadoras e traballadores galegos.

Durante mes e medio as traballadoras e traballadores de Extel desenvolveron paros, folgas, manifestacións e chegaron a recoller 12.000 sinaturas contra dun ERE fraudulento. A súa loita firme e decidida na defensa dos postos de traballo na Coruña conseguiu que a empresa reducira o número de despedimentos previstos e que as baixas tiveran, finalmente, un carácter voluntario. Aínda así, a Sección Sindical da CIG entendeu que esta voluntariedade non validaba a falta de causas do ERE, polo que o impugnou.

Porén, neste conflito o persoal non só se enfrontou a Extel, senón tamén confrontou o modelo de sector precarizado imposto por grandes multinacionais como Telefónica, que subcontratan os servizos destas empresas e, cando consideran que poden obter maiores beneficios, deslocalizan o traballo sen importarlle as consecuencias que isto ten para os empregos.

Así o lembrou Suso Seixo quen sinalou que, precisamente, o obxectivo do Premio “10 de Marzo” é, “alén de recoñecer a loita destes compañeiros e compañeiras, pór en valor a enorme conflitividade que hai en Galiza ao longo do ano”.

O secretario xeral da CIG explicou que, moitas veces, dá a impresión de que non existen conflitos laborais cando “o certo é que hai moitos en defensa do emprego, contra a discriminación por razón de xénero, contra despedimentos, contra os incumprimentos dos convenios colectivos ou contra a fraude na contratación. Conflitos, ao longo do ano, nos que son miles os traballadores e traballadoras que loitan por defender os seus dereitos e as súas condicións laborais”.

Por iso defendeu a necesidade de colectivizar esa problemática e darlle un pulo especial nunha data tan significativa para a central sindical como 10 de marzo. Problemática que “nos últimos anos se agudizou como consecuencia da crise e das numerosas contrarreformas que se fixeron por parte dos gobernos españois, tanto do PSOE como do PP, en materia de condicións laborais, prestacións por desemprego, de xornada, de negociación colectiva, pensións e demais”.

Neste sentido denunciou o enorme ataque aos dereitos e condicións laborais adquiridas polas traballadoras e traballadores galegos, que viron como se recortaban e como cada vez se sumían nunha maior precariedade. “Iso loxicamente incrementou a conflitividade laboral, aínda que logo non teña reflexo nos grandes medios de comunicación de masas”.

A CIG en loita pola recuperación de dereitos laborais e sociais

Por iso este 10 de Marzo a CIG centra as súas reivindicacións na recuperación deses dereitos e condicións laborais perdidas e na loita contra a precarización do mercado laboral. Reivindicacións que, en todo caso forman parte dunha campaña que xa se iniciou a primeiros de ano e que se vai estender nos próximos meses.

A este respecto, o secretario xeral lembrou a manifestación nacional celebrada en xaneiro en defensa do sistema público de pensións,” que foi atacado coas últimas reformas das pensións que se impuxeron por parte do PSOE e do PP  e que, de novo, volve estar a debate na Comisión do Pacto de Toledo”.

Un debate do que augurou que sairían novos recortes porque “sempre teñen a orientación de adoptar medidas para dificultar aínda máis o acceso ás pensións, reducir a contía das futuras e intentar debilitar o máximo posíbel o sistema público alegando que non é sostíbel e non ten futuro tal e como está montado”.

Unha argumentación que cualificou de “pura mentira” porque “o capital financeiro o que busca é fomentar os plans privados de pensións e sabe que mentres se manteña o sistema público a xente non vai meter os cartos nos privados”.

Do mesmo xeito salientou as manifestacións e concentracións convocadas o pasado 15 de febreiro centradas xa na recuperación dos dereitos sociais e laborais perdidos. Mobilizacións ás que se lles dá continuidade este 10 de marzo co obxectivo de forzar que os grupos da oposición promovan proxectos de lei que obriguen ao Parlamento do Estado a “tirar para abaixo toda esta lexislación regresiva aprobada nos últimos anos polo PP”.

O secretario xeral da CIG incidiu na decisión da central sindical de continuar a partir desa data coas mobilizacións, na perspectiva de incrementar a súa dimensión e afirmou que non se descarta “a convocatoria de folga xeral cara o mes de maio ou xuño”.

Nese sentido manifestou que “agardamos que as demais organizacións sindicais se sumen a esta dinámica e poidamos facer máis forza e máis efectiva esa convocatoria de folga xeral se nos próximos meses finalmente o Parlamento español non lexisla para tirar abaixo todas esas reformas que en materia laboral, de negociación colectiva ou de pensións se aprobaron nos últimos anos”.

Mención especial a Elvira Patiño (3 de xullo de 1956 - 4 de decembro de 2016)

O acto de entrega dos premios comezou coa emotiva lembranza á compañeira Elvira Patiño e coa entrega, por parte de Suso Seixo, dunha figura de Julia Ares á súa familia como mención especial e recoñecemento da central sindical a toda unha vida de compromiso.

Elvira Patiño Ogea foi Secretaria Confederal de Servizos da CIG até o seu pasamento o pasado 4 de decembro. Desempeñou un importante labor na defensa dos dereitos da clase obreira galega, na construción e consolidación da propia CIG, sendo fundamental o seu activismo para situar a problemática laboral e social da muller no centro do debate sindical.

Funcionaria de carreira, Elvira Patiño foi delegada da Xunta de Persoal da provincia da Coruña nos anos 90, para pasar logo a desenvolver un papel máis activo dentro dos organismos da Confederación, primeiro como Secretaria Comarcal da Federación de Administración Pública na Coruña e logo ocupando a Secretaría Comarcal de Organización.

No ano 2001, é elixida Secretaria da Muller, cargo no que permaneceu até o ano 2007. Á fronte desta responsabilidade loitou por situar a problemática laboral e social da muller no centro dos debates do sindicalismo nacionalista, logrando consolidar a Secretaría da Muller como unha responsabilidade transversal en todos as estruturas da CIG.

Deste xeito, auspiciou a constitución de secretarías específicas de muller en cada unha das comarcas e federacións e que o departamento de muller estivera presente de forma permanente na Executiva Confederal con secretaría de seu; garantindo a transversalidade das políticas de xénero na central sindical, así como a participación das mulleres nos organismos.

Desenvolvendo campañas reivindicativas propias, consolidou a conmemoración de datas significativas para o feminismo, como o 8 de Marzo ou o 25 de Novembro, dentro da CIG. E tivo un especial interese na loita pola dignificación das condicións laborais das mulleres traballadoras do fogar, contribuíndo á organización do colectivo nunha asociación dende a que defender os seus intereses.

A partir de 2007 accedeu á Secretaria Confederal de Servizos, Afiliación e Migración (responsabilidade dende a que promoveu a creación do servizo de atención a migrantes en cada comarca), no V Congreso faise cargo da Secretaria Confederal de Organización e dende 2013 ocupaba a responsabilidade de Servizos e Afiliación.

A CIG rende hoxe unha homenaxe agradecida á entrega desta compañeira na defensa dos dereitos da clase traballadora, a súa participación activa no fortalecemento e consolidación do sindicalismo nacionalista de clase e nomeadamente o seu traballo por introducir a transversalidade de xénero no movemento sindical.

Organizacións convidadas

Ao acto de entrega dos Premios, ademais do Consello Confederal da CIG en pleno, exsecretarios xerais, membros de anteriores Executivas Confederais e numerosas persoas convidadas a título individual, asistiron o Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais e o Director en Galiza da Inspección de Traballo.

Xunto a eles estiveron tamén representantes de ADEGA; da Mesa pola Normalización Lingüística; da Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega; da Asociación galega de Editoras; de ANOVA  ; da Asociación Galega de Mancomunidades de Montes; do BNG; de CGRL; dos Comités; de Esculca; da Fronte Obreira Galega; de FRUGA; da Fundación Alexandre Bóveda; da Fundación Bautista Álvarez; da Fundación Galiza Sempre; da Fundación Castelao; de Galiza Nova; do Instituto Galego de Historia; da Liga Estudantil Galega; de Mar de Lumes; do Movemento polos dereitos Civís; da Plataforma Queremos Galego; do Sindicato Labrego galego; de Xustiza e Sociedade.

Volver