“A loita en Servicarne non cesará até que o persoal autónomo teña os mesmos dereitos laborais que o resto"

A CIG convoca unha manifestación este sábado en Ourense en demanda dunhas condicións de traballo dignas

Ourense -

A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, explicitou hoxe con contundencia o compromiso da central coas reivindicacións que dende hai xa varios anos mantén o persoal autónomo da falsa cooperativa Servicarne ao afirmar que se trata “dunha loita sen retorno que non cesará até que as empresas lles recoñezan os mesmos dereitos que ao resto de traballadores/as”. Precisamente baixo esta demanda a central convoca unha manifestación este sábado en Ourense que sairá da rúa Eulogio Gómez Franqueira (dende a estación de tren) ás 12:00 horas e rematará na Subdelegación do Goberno.

Segundo explicou Martínez durante unha rolda de prensa celebrada en Ourense e na que tamén participaron os secretarios comarcais da FGAMT-CIG de Ourense e Vigo, Paulo Conde e Suso García, esta mobilización pretende ser “unha chamada de atención” ás compañías, tanto para que acaten a resolución da Inspección de Traballo e os dean de alta no réxime xeral da Seguridade Social como para “cesen de xeito inmediato as coaccións e presións sobre estes/as traballadores/as co obxectivo de que que renuncien voluntariamente aos seus dereitos”.

Ademais, quixo deixar moi claro que a CIG botará man de todos os recursos á súa disposición para lograr dignificar as condicións de traballo “de escravitude” (sen horario fixo, sen salario mínimo, sen cobrar as baixas, sen vacacións nin permisos, baixo ritmos salvaxes, con enfermidades profesionais sen recoñecemento e con represión laboral e sindical), dun colectivo que no noso país integran xa preto de 2000 persoas, ao tempo que denunciou a fraude “sen precedentes” á Seguridade Social que están a cometer estas compañías e que ronda os seis millóns de euros ao ano.

“Tamén queremos que a mobilización deste sábado sirva para que ás empresas lles quede claro que se trata dunha loita sen retorno con todas as consecuencias, xa que o colectivo afectado non está disposto a recuar nas súas reivindicacións por moita ameaza ou actitude represiva”, engadiu

Martínez lembrou loita emprendida en 2016 por estes/as falsos/as autónomos/as organizados/as na CIG ten que continuar “porque a día de hoxe, a pesar de termos acadado pequenas vitorias como a súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social -para o que tivemos que presentar máis dun cento de denuncias-, aínda queda moito por facer até solucionar esta problemática”. Neste senso, considera que a partir de aquí a xestión do conflito debe ir tanto pola vía legal burocrática e de reclamación administrativa como pola mobilización na rúa.

Xuntanza en Madrid

Así, adiantou que precisamente este venres 6 a central participará nunha xuntanza en Madrid coa dirección especial da Inspección de Traballo que leva o tema para abordar a situación de 'limbo' na que están os afectados/as, que foron dados de alta de oficio pero atópanse en situación irregular porque ningunha das empresas para as que traballan os recoñecen como traballadores/as por conta allea que forman parte do seu cadro de persoal a todos os efectos. “Deste xeito, o problema continuará vixente até que non conten cos mesmos dereitos que o resto dos compañeiros/as, por iso é necesario que a loita continúe tamén na rúa”, sostivo.

De feito, segundo denunciou, as empresas intentan “día si e día tamén” burlar o requerimento feito pola Inspección de Traballo para non ter que recoñecer os dereitos destes/as operarios/as. Por iso insistiu en que a manifestación pretende ser unha chamada ás empresas para que cumpran a lexislación vixente e lles recoñezan estes dereitos. “E non só o dicimos nós, senón que tamén o día a dirección especial da Inspección de Traballo”.

Finalmente, lembrou que ao principio desta loita compañías como Coren, Frigolouro ou Novafrigsa chegaron a suspender o pagos dos salarios e culpabilizaron os delegados/as da CIG da decisión, así como de poñer en risco os empregos de todo o cadro de persoal. “Tampouco hai que esquecer a chantaxe feita pública polo grupo Coren, e que foi recollida polos medios de comunicación, na que ameazaba con trasladar os centros de produción a outras zonas”, rematou.

Volver