O luns 29 de xuño, as asembleas de persoas traballadoras convocadas pola CIG na Coruña, Ferrol e Compostela aprobaban por amplísima maioría o preacordo de convenio asinado pola patronal do metal e a representación social ao acadar os principais obxectivos marcados polo sector para esta negociación.
Lograr este acordo só foi posíbel grazas á firme determinación do persoal que acreditou na folga como único camiño para mellorar as súas condicións laborais e entendeu ás claras que sen conflito non hai avances nos dereitos. A unidade e a contundente resposta do persoal nos centros de traballo e nas rúas durante oito xornadas de folga permitiu rachar co inmobilismo da patronal, obrigándoa a pór enriba da mesa propostas acordes coas demandas sociais.
O acordo só foi posíbel grazas á firme determinación do persoal que acreditou na folga como único camiño para mellorar as súas condicións laborais
“Este conflito é un exemplo de unidade, forza e dignidade para o conxunto da clase traballadora galega”, asevera CIG-Industria, quen destaca que a través da loita o sector acadou un dos mellores convenios da súa historia.
Durante a vixencia do convenio (2026-2029) aplicarase un incremento do 5% para o ano 2026, do 3% para 2027 e 2028 e do 4% para o ano 2029, coa garantía de mantemento do poder adquisitivo ao incluír unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos a 1 de xaneiro.
Melloras substanciais
Conséguense avanzar na loita contra a precariedade, aspecto fundamental nesta negociación, fixándose por convenio un mínimo do 75% do cadro de persoal indefinido; limitar a contratación a través de ETT; garantir a aplicación do convenio de siderometal ás persoas contratadas por esta vía; ou ampliar o dereito de subrogación a novas actividades.
Un salto significativo supón o novo artigo para regular a contratación fixa descontinua que asegura un período mínimo de traballo de seis meses e actívase un mecanismo para garantir unha tempo mínimo de actividade continuada de 15 días.
Entre outras melloras, redúcese a xornada máxima anual en 12 horas, quedando fixada nas 1740 no ano 2029; e clarifícase a aplicación e as medidas de compensación relativas ao plus de toxicidade, perigosidade e penosidade, cunha nova redacción.
Convocados tres días máis de folga no comercio de alimentación da Coruña
O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña continuará na loita por un convenio digno e xa ten convocadas tres novas xornadas de folga para os días 24, 25 e 26 de xullo ante a negativa da patronal (encabezada por Gadis e Froiz) a negociar ningunha das xustas demandas sociais.
Estas folgas sumaranse ás cinco xornadas previas nas que o conxunto das traballadoras e traballadores demostrou a súa firme disposición a pelexar por unha mellora das condicións laborais e salariais “que se correspondan cos beneficios que producimos”. A CIG-Servizos advirte que o sector non consentirá que as empresas utilicen os salarios para competir entre elas, nin cesará na súa loita até lograr un convenio digno, malia as ameazas e as manobras de esquirolaxe das compañías.
Parálise da actividade
Os días de folga deixaron a inusual imaxe de tendas pechadas, ou con persoal a mínimos e seccións sen atender, e dos almacéns loxísticos sen actividade. Unha estampa que se estendeu por toda a provincia: dende as tres cidades até localidades como Ribeira, Carballo ou Cee.
O amplo respaldo ás folgas e ás multitudinarias mobilizacións evidencian o malestar existente no sector polo bloqueo no que Gadis e Froiz manteñen a negociación colectiva, pois apenas se moveron da súa proposta inicial a pesar do esforzo da representación social “que si fixo rebaixas substanciais na súa plataforma co obxectivo de facilitar un acordo de convenio”.
Por iso, de non producírense cambios significativos na negociación, o sector volverá á folga consciente de que só a través da loita acadará un convenio digno.