A limpeza de Lugo, en paro indefinido por un convenio digno
O sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo comezou unha folga indefinida o pasado 16 de outubro para reclamar un convenio colectivo digno. As asembleas de traballadoras/es acordaron esta medida ante a falta de avances na negociación e a ausencia de resposta da patronal.
A última reunión da mesa tivo lugar o 27 de xuño, despois da exitosa xornada de folga levada adiante polo colectivo o día 20 de mes. Nesa xuntanza, a parte social modificou a súa plataforma inicial co obxectivo de dar un pulo ás conversas e propiciar un achegamento.
A patronal (encabezada por ASPEL, a asociación estatal que agrupa as grandes empresas do sector) comprometeuse a estudar a oferta e trasladar unha resposta, pero transcorridos máis de dous meses “seguimos sen ter noticias”.
Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, explica que centrais sindicais se puxeron en contacto coa CEL para instar unha resposta, mais sen ningún éxito. Unha actitude que cualifica de burla a todas as traballadoras/es, tendo en conta que as táboas salariais do convenio xa foron superadas polo SMI (o soldo dunha limpadora está 1800 euros por debaixo) e que tan só nos dous últimos anos o persoal perdeu máis dun 12% da súa capacidade adquisitiva.
Continúa o a folga indefinida no servizo de limpeza de Correos
As traballadoras/es do servizo de limpeza de Correos veñen de acordar por maioría en asemblea continuar coa folga indefinida que iniciaron o pasado 4 de setembro e ampliar un mes máis as mobilizacións para reclamar o pago dos salarios pendentes e a rescisión do contrato coa empresa concesionaria, JCórdoba.
O persoal da compañía vén desenvolvendo protestas por toda Galiza desde hai meses para denunciar primeiro os continuos atrasos no ingreso das nóminas, e agora xa os impagos, situación da que responsabilizan a dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa.
A situación afecta a uns 360 empregadas/os de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias galegas.