Educación volve á carga contra a ESAD de Vigo e a Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra

A CIG-Ensino denuncia un novo intento da Consellaría de empeorar as ensinanzas artísticas superiores

Pontevedra/Vigo -

 

A federación de Ensino da CIG vén de denunciar o que considera un novo intento da Consellaría de Educación, a través da Inspección Educativa de Pontevedra, de empeorar as ensinanzas artísticas superiores ao negar un incremento de docentes na Escola de Arte Dramática de Vigo (ESAD) e pretender recortar postos na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

Dende a central lembran que hai agora xusto un ano, en xullo de 2017, a Inspección educativa de Pontevedra, “cun ánimo máis de vendeta que do papel que lle debe corresponder”, fixo todo o posíbel por aplicar unha importante retallada en dous centros da provincia nos que se imparten estudos superiores: a Escola de Arte Dramática de Vigo e a Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. “Finalmente os recortes non tiveron o efecto pretendido pola Inspección e as protestas dos propios centros e da CIG-Ensino pararon parcialmente aquela agresión sen precedentes”, sosteñen. 

Os recortes pretendidos o ano pasado non tiveron efecto polas protestas dos docentes e da propia CIG-Ensino

Agora, un ano despois, a Inspección volve á carga, nun novo ataque ás ensinanzas artísticas superiores na provincia e nega inicialmente a posibilidade de incrementar tres prazas que dende a ESAD se demandan para atender a oferta educativa do curso 2018/19. “Non conforme coa negativa, a Inspección ameaza con reducir até en tres o número de docentes do centro, o que semella unha clara intención de executar os recortes que tivo que deixar a medias no curso anterior”.

Apoio ao profesorado

Ademais, o mesmo inspector anuncia a redución dun ou dous postos de profesorado na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, o que implicaría suprimir case a totalidade das prazas creadas pola Consellaría para a implantación do Título Superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Diante disto, dende a CIG-Ensino apoian totalmente a posición expresada polo profesorado dos centros e os seus equipos directivos e esixe que se atendan as demandas de aumento de postos de traballo na ESAD de Vigo e o mantemento do actual cadro de persoal na Escola de Restauración de Pontevedra.

Volver