A Inspección de Traballo volve sancionar o hospital ferrolán Juan Cardona por incumprir a normativa en materia de igualdade
A Inspección de Traballo vén de levantar acta de infracción contra a empresa Proyectos Sanitarios Ferrolanos, propietaria do Hospital Ribera Juan Cardona, por non dispoñer dun plan de igualdade adaptado ao RD 901/2020 e incumprir na negociación do vixente plan o prazo máximo dun ano para pechar o proceso.
Esta sanción supón a segunda infracción grave para a compañía, posto que no ano 2024 xa a sancionara por vulneración do dereito de información e participación da representación legal das persoas traballadoras na elaboración do rexistro retributivo do ano 2022 e por carecer este do contido mínimo exixido pola normativa vixente en materia de igualdade.
No ano 2025, a CIG-Saúde volveu denunciar perante a autoridade laboral os incumprimentos da empresa ante a carencia dun plan de igualdade debidamente adaptado ao RD 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.
A pesar de que a compañía contaba cun plan aprobado en 2020, faltaban elementos exixidos pola nova normativa como auditoría retributiva, datos de rexistro retributivo e incumprimento da data máxima de vixencia de catro anos, vulnerando así o disposto nos artigos 45.2 e 46.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva entre mulleres e homes.
A CIG-Saúde tamén denunciou durante a negociación do novo plan de igualdade a falta de transparencia e a dilatación do proceso, até o punto de excederse do tempo máximo establecido para a súa negociación e aprobación, tal e como recolle o artigo 4.4 do RD 901/2020.
A día de hoxe o plan de igualdade vixente na empresa non está firmado pola CIG-Saúde, posto que non recolle medidas concretas para garantir a equidade laboral nin se conta cun protocolo de acoso con actuacións preventivas para eliminar e reducir o risco no eido laboral.
Finalmente, dende a CIG-Saúde reiteran a súa disposición a continuar loitando para que as empresas cumpran coas súas responsabilidades co obxectivo de garantir un lugar de traballo libre de discriminacións e avanzar cara a igualdade real.