A Inspección dá 3 meses ao CHUS para que adopte medidas que garantan a saúde laboral do seu persoal

CIG-Saúde de Compostela presentou denuncia polo incremento de accidentes por picaduras e cortes
Compostela - 07 Abr 2017

CIG-Saúde de Compostela alerta do preocupante incremento dos accidentes de traballo por picaduras e cortes entre o persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago por non dispor de dispositivos de bioseguridade, como os que existen no resto dos hospitais de Galiza, e por non ser reemprazados os existentes, tal e como establece a normativa vixente.

Segundo os datos referidos ao ano 2015, entre o mes de xaneiro e novembro, producíronse 185 accidentes por picaduras, cortes e salpicaduras, dun total de 387, o que representa case que o 48% dos accidentes comunicados polo persoal do CHUS.

Desde novembro de 2015 non hai datos relativos a esta cuestión ao entrar en funcionamento o sistema de notificación de accidentes electrónico (prevén-xesd@), que non permite a exportación de datos.

Porén a CIG-Saúde de Compostela considera que o seu número aumentou “á vista das notificacións existentes todos os días, especialmente numerosas e rechamantes as relativas a picaduras con agullas dos bolígrafos de insulina, dada a mala calidade destas”.

Denuncia perante a Inspección de Traballo

Así Xavier Alvedro, representante da CIG-Saúde de Compostela, lembra que xa se alertou hai tempo ao Comité de Seguridade e Saúde da Área de xestión do Complexo e explica que, diante da pasividade da Xerencia Hospitalario houbo que presentar denuncia perante a Inspeción de Traballo en 2016.

O pasado día 3 de abril a propia Inspección elevou un requirimento, no que insta a que a substitución do material sexa efectiva, dándolle para iso un prazo de 3 meses.

Tanto a CIG-Saúde de Compostela como a Inspección sinalan ademais a obriga de substituir paulatinamente os equipos de punción por dispositivos de bioseguridade como marca a normativa e a obriga de realizar actividades formativas sobre medidas de protección fronte a axentes biolóxicos e manexo dos dispositivos de bioseguridade, por parte da Xerencia cara os traballadores.

A este respecto Alvedro denuncia que “levamos anos sin unha actividade formativa por parte da Xerencia en materia de PRL e mesmo poñendo problemas aos traballadores e traballadoras que piden horas de formación para asistencia a cursos de PRL que nós mesmos organizamos”.

Xunto a estas cuestión a CIG-Saúde de Compostela lembra tamén a obriga de  revisar a calidade dalgún material como luvas, mascarillas ou xiringas, entre outro, porque “non se aforra máis con material de mala calidade, ao contrario” e tamén a obriga de entrega de Uniformidades aos traballadores/as e EPIs con periodicidade suficiente.