A II Asemblea da CIG-Industria de Vigo reelixe a Xulio Fernández Alonso como secretario comarcal

Tamén se renovou a Executiva Comarcal e escolléronse os/as representantes do Consello Federal
Vigo - 13 Nov 2017

A II Asemblea Comarcal da CIG-Industria de Vigo celebrada este xoves reelixiu a Xulio Fernández Alonso como secretario comarcal por 61 votos a favor e 1 en branco. Durante a sesión, que tivo lugar no local do sindicato na cidade, tamén se renovou a Executiva Comarcal e escolléronse os representantes da federación nos Consellos Federal e Comarcal e na Dirección Comarcal.

A federación de Industria da CIG de Vigo celebrou na tarde deste xoves a súa II Asemblea Comarcal baixo o lema “Compromiso constante, organización e loita', na que Xulio Fernández resultou reelixido secretario comarcal para os vindeiros catro anos. A candidatura de Fernández, a única presentada ao proceso, logrou 61 votos a favor e 1 en branco. Na sesión participaron un total de 62 delegados/as dos 73 censados/as.

Tamén se renovou a Executiva Comarcal, que saíu adiante por 61 votos a favor e 1 en contra; o mesmo resultado obtiveron os representantes da federación no Consello Federal. Finalmente, escolléronse os membros do Consello e da Dirección Comarcais.

Durante a sesión, que se iniciou coa intervención do secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, debateuse o sobre o Informe de Xestión, documento que recolle os principais aspectos da acción sindical desenvolvida pola federación nos catro últimos anos e que foi aprobado por unanimidade.

Medrar en afiliación e representación

Tras o reconto das papeletas e o nomeamento do secretario comarcal e da nova Executiva, Xulio Fernández tomou a palabra para agradecer a confianza depositada nas persoas que se encargarán de dirixir a federación na comarca de Vigo os vindeiros catro anos e adiantar que os retos máis inmediatos pasan por reforzar a organización para dar unha resposta máis áxil á problemática da clase traballadora e por incrementar a afiliación e a representación nas empresas para ampliar a presenza da central sindical nos centros de traballo.

Neste senso, chamou a non conformarse con ser a primeira forza obreira da comarca e apostou por seguir a estender o proxecto que representa a CIG “como ferramenta máis útil para a defensa dos intereses da maioría social”.

No tramo final do seu discurso fixo unha mención expresa ao proceso soberanista aberto en Catalunya e ao apoio que dende a central sindical se lle está a dar dende o primeiro momento. “Somos unha organización nacionalista, e como tal imos estar na rúa solidarizándonos con todas as loitas dos pobos sen Estado que aspiren a exercer lexitimamente o dereito de autodeterminación”.

Finalmente, advertiu sobre a oportunidade que se lle presenta neste contexto ao Estado español para incrementar a represión sobre os pobos e as organizacións que cuestionen tanto o sistema capitalista como a configuración territorial e lembrou que a CIG aspira a construír unha Galiza ceibe e socialista. O encontro pechouse coa interpretación do Himno galego.

Executiva Comarcal

Tras o proceso queda formada por:

1. Xulio Fernández Alonso

2. Henrique Fernández Oliveira

3. Manolo Simón Graña

4. María X. García Gómez

5. Raquel Pérez Fernández

6. César Rodríguez Martínez

7. Arturo Domínguez Míguez

8. Pedro Velasco Martínez

9. F. Xavier Domínguez Lemos

10. Santiago Fernández Sanromán

11. Ricardo Otero Dosantos