A Fundación Moncho Reboiras presenta este martes en Vigo o caderno 'Cen anos da revolución socialista en Rusia'

No acto participarán o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, e o presidente da Fesga, Suso Seixo
Vigo - 18 Dec 2017

A Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (Fesga) presentará este martes día 19 en Vigo o caderno 'Cen anos da revolución socialista en Rusia', co que se pretende poñer en valor o fito que supuxo a toma do poder e a construción do primeiro estado obreiro na historia da Humanidade.

No acto, que terá lugar no local da CIG (Gregorio Espino, 47) ás 20:00 horas, participarán o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e o presidente da Fesga, Suso Seixo. Con este traballo preténdese poñer en valor o fito que supuxo a toma do poder e a construción do primeiro estado obreiro na historia da humanidade.

A Revolución de Outubro rebordou os marcos do Imperio tsarista, fortalecendo as loitas da clase traballadora a nivel mundial e dando un importante pulo aos procesos de liberación das colonias e nacións oprimidas.

Tres traballos complementarios

Este caderno, de marcado carácter divulgativo e que inclúe un bo número de ilustracións, integra tres traballos que se complementan:

'A Revolución Rusa'. Texto elaborado sobre a base da obra de Óscar Landi e Isidoro Cheresky, publicada en Bos Aires en 1969, na colección Siglomundo.

'O influxo da Revolução de Outubro na Galiza'. Texto de Carlos F. Velasco Souto, historiador e profesor da Universidade da Coruña.

'O legado de Outubro'. Texto de Xabier Pérez Igrexas.

O caderno 'Cen anos da revolución socialista en Rusia' estará a disposición gratuíta do público nos vindeiros días nos locais da CIG. Tamén poderá descargarse libremente neste sitio web.