A fundación Moncho Reboiras inaugura en Fonseca a exposición “O sindicalismo Galego na transición”

Permanecerá aberta ao público desde o 10 até o 31 de marzo
Nacional - 10 Mar 2017

A Fundación Moncho Reboiras, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Agrupación Cultural O Galo, inaugurou esta mañá a exposición “O sindicalismo galego na transición (1972-1977)” que estará aberta ao público, no claustro do Pazo de Fonseca, desde hoxe até o 31 de marzo.

A exposición, consistente en 13 paneis nos que se aborda cun enfoque divulgativo a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego, nos últimos anos do franquismo e na Transición, forma parte dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de arquivo e documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da CIG e de fondos do sindicalismo nacionalista.

Este proxecto que contou coa colaboración económica da Deputación da Coruña, a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, vén conformado por esta exposición, que xa foi instalada en Ferrol e A Coruña, pola edición dun caderno divulgativo de 32 páxinas, e da realización dun vídeo documental de 15 minutos.

O acto inaugural contou coas intervencións do secretario xeral da CIG e presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo; Xose Pereira, vicerreitor de Comunicación e Coordinación da Universidade de Santiago; Manuel Mera, Director da Fundación e María Antonia Pérez, Presidenta da Agrupación Cultural O Galo.

Manuel Mera, que agradeceu tanto a  Agrupación Cultural O Galo, como á Universidade de Santiago o seu apoio, foi o encargado de presentar o acto e de explicar, ao seu remate, de xeito pormenorizado, o contido dos paneis.

Na súa intervención, a Presidenta do Galo agradeceu especialmente á USC que cedera o espazo do Pazo de Fonseca para esta exposición. Ademais subliñou a vinculación da universidade compostelá con ese período histórico porque “en moitos dos paneis o campus universitario serviu de marco para moitas das protestas que se desenvolveron neses anos por parte do nacionalismo e desta universidade saíron moitos dos líderes que estiveron do lado de todas as reivindicación”.

Xermolo do sindicalismo nacionalista

Pola súa banda Suso Seixo, lembrou que cando a  Fundación Moncho Reboiras decidiu promover esta mostra, en colaboración coa deputación da Coruña, considerouse que era importante para divulgar acontecementos da nosa historia, de grande relevancia tanto para o movemento obreiro galego como para a clase traballadora galega, como os acontecidos no decurso da década dos setenta. “Conflitos relevantes nun momento histórico que coincidiu coa crise económica, coa crise do réxime franquista e co nacemento dunha nova experiencia tanto no campo sindical como no político”.

Salientou que foi precisamente nese contexto no que naceu o sindicalismo nacionalista “pola necesidade que tiña a clase obreira galega de ter organizacións sindicais propias que deran resposta e alternativas á súa problemática; que comprenderan e explicaran por que tiñamos os salarios máis baixos ou estabamos condenados permanentemente á emigración malia ser un país rico; porque tiñamos un tipo de proletariado cunhas características moi determinadas, que foi estudado no seu momento por Ramón López Suevos: o proletariado simbiótico; por que había un tipo de industria moi determinada no noso país, como a industria de enclave, o espolio do noso excedente económico, da nosa enerxía…”

Moitas cuestións das que dixo que “desgraciadamente seguen estando aí e non foron superadas”. De feito, chamou a atención sobre a actual situación de perda de dereitos laborais e sociais da clase  traballadora e considerou importante, a través de feitos como os recollidos na exposición “lembrar que moitos destes dereitos e calidade de vida que estamos perdendo son froito de moitos anos de loita, de moito sacrificio de traballadores/as e de organizacións sindicais que levamos moitos anos metidos nesta loita pelexando por mellorar as condicións de vida da nosa clase traballadora”.

Mensaxe para a mocidade

Tamén incidiu na importante mensaxe que se dá á mocidade “porque moitas veces pensa que a realidade que vive hoxe canto a  condicións de vida e de traballo foi sempre así e non foi tal, houbo que pelexalo”.

Isto levouno a reflexionar sobre o sistema no que vivimos, porque “nos están retirando dereitos que tiñamos conquistados e temos que estar permanentemente nunha loita de confrontación entre clases por intereses antagónicos e enfrontados”.

Por iso considerou fundamental ir cara modelos de organización social e económica onde a maioría social e a clase traballadora “teñamos dereitos fundamentais garantidos, como o dereito á vivenda, o dereito ao traballo, o dereito a unha pensión, a un salario digno, ao ensino, á saúde que este sistema non nolos garante”.

Coñecer a historia

O vicerreitor da USC, Xosé Pereiro, defendeu tamén a importancia de coñecer a historia o mellor posíbel “para non volver cometer os mesmos erros e para afianzar os éxitos que se lograron”. Por iso saudou esta exposición e salientou a importancia do período ao que se cinxe. “Anos absolutamente transcendentais para entender a Galiza que temos hoxe”.