Carril: "A folga non é un delito, é un dereito da clase traballadora que custou séculos conquistar"

A CIG rexeita o intento de Navantia de criminalizar a loita das auxiliares
Ferrol - 04 Abr 2018

Delegadas e delegados da CIG concentráronse na mañá deste mércores diante dos xulgados de Ferrol en defensa do dereito á folga, ferramenta fundamental da clase traballadora na conquista dos seus intereses, e contra os intentos de criminalizar a loita obreira. A protesta convocouse con motivo da celebración do xuízo derivado da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, e a través da que pretende que se declare ilegal o conflito que o persoal das auxiliares desenvolveu o pasado ano en demanda dos seus dereitos salariais e sociais.

"Hoxe vimos aquí reivindicar que o dereito á folga é un dereito fundamental e que Navantia, por moi poderosa que sexa, nin nos vai asustar nin vai impedir con demostracións deste tipo que defendamos o dereito á folga e o que fixemos ou teñamos que facer na nosa acción sindical para protexer os dereitos da clase traballadora". Así se manifestaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ás portas dos xulgados de Ferrol, cualificando o vivido hoxe como "un esperpento", por canto se busca que as traballadoras e traballadores vítimas da explotación "aparezamos como denunciados/as por facer valer os nosos dereitos".

Unha loita contra a precariedade

Para a CIG os intentos de Navantia por declarar a folga das auxiliares como ilegal ou abusiva teñen como obxectivo criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das subcontratas, que en outubro do pasado ano secundaron masivamente durante 22 días unha folga para reivindicar o cumprimento dos acordos salariais e laborais de 2001, a súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia, e rematar así coa precariedade laboral instalada neste sector.

Cómpre lembrar que as empresas auxiliares deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación as táboas acordadas en 2001, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, contando para isto coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia. A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, criticou a actuación de Navantia, pois en vez de supervisar e garantir as condicións de traballo do persoal da industria auxiliar, "se dedica a presentar denuncias. Pois ben, aquí nos ten enfronte".

Grandal rexeitou tamén o papel belixerante xogado por CCOO e UGT durante todo o tempo que durou a folga e lembrou que do conflito das auxiliares saíron unhas mesas de negociación coas que se pretendeu pechar en falso o conflito, mais nas que non se ten avanzado nada para garantir a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras das auxiliares. Este feito, para o representante sindical, confirma o acertado proceder da CIG coa convocatoria dunha folga en solitario que fora acordada e aprobada polas asembleas de traballadores/as.

"Seguiremos pelexando polos nosos dereitos"

Paulo Carril agarda que a xustiza "actúe como tal", na resgarda dun dereito fundamental como é o dereito á folga, "que á clase traballadora lle custou séculos conquistar". En todo caso advertiu que, "saia o que saia de aquí, a CIG actuará en consecuencia, demostrando que non nos amedrentan e que seguiremos pelexando polos nosos dereitos, porque non imos cesar de combater a precarización, o empobrecemento e a explotación, da que o persoal das auxiliares son un claro exemplo".

"Dicímoslle a Navantia que cantas veces queira verémonos nos xulgados, na rúa, ou onde sexa necesario, para defender os dereitos dos traballadores/as, fronte a unha empresa como esta que permite que haxa unha precarización brutal das condicións de traballo. Motivo que levou á convocatoria de folga nas auxiliares", subliñou o secretario xeral da CIG.

Neste senso, valorou que "nin nos engurramos nin damos marcha atrás" por este tipo de actuacións. Ao contrario, aseverou, "dannos máis forza nas reivindicacións que nos levaron a convocar a folga nas auxiliares e a entender que a folga é unha ferramenta fundamental da clase traballadora na defensa dos seus intereses".