A folga en Alonarti chega ao cuarto día cun seguimento total dos traballadores/as

O paro indefinido continuará tamén durante toda a fin de semana

Vigo -

A folga indefinida convocada na empresa Alonarti Envases do Porriño polo despedimento dun afiliado da CIG chega hoxe á súa cuarta xornada cun seguimento total por parte do persoal de fábrica. O paro continuará tamén durante a fin de semana, e un grupo de traballadores/as fará garda diante das instalacións da compañía para evitar que desvíe a produción á planta que ten en Portugal.

O 100% dos empregados/as de fábrica secundan a folga indefinida iniciada o pasado martes en Alonarti Envases para rexeitar o despedimento dun afiliado da CIG, unha decisión coa que a empresa busca “amedrentar o cadro de persoal de cara á inminente negociación do convenio colectivo”. Como consecuencia, o único departamento con actividade é o de administración, no que entraron a traballar os dous delegados do comité pertencentes á UGT, sindicato que non apoia o paro.

Neste tempo, os empregados/as de fábrica desenvolveron concentracións ás portas da compañía, situada no polígono porriñés das Gándaras, coincidindo cos cambios de quenda (6.30, 14.30 e 22.30 horas). Ademais, durante a fin de semana permanecerán de garda diante das instalacións para impedir que a empresa desvíe a produción á planta que ten en Portugal.

O paro continúa tras o fracaso da mediación de onte por parte da Inspección de Traballo, xa que a dirección de Alonarti unicamente se amosa disposta a incrementar a indemnización de despido e a facilitarlle ao afectado unha carta de recomendación para que poida ser contratado por outra empresa.

 

Volver