A folga nas auxiliares de Navantia chega ao quinto día cun paro total

O Consello Galego de Relacións Laborais convoca unha xuntanza con todas as partes
Ferrol - 09 Out 2017

A folga na industria auxiliar de Navantia convocada pola CIG para garantir o cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas, cumpre hoxe o quinto día cun seguimento masivo. A pesar das presións e as ameazas, neste xornada tamén se rexistra unha parálise total na actividade dos estaleiros. Ademais, o Consello Galego de Relacións Laborais instou a todas as partes (Navantia, contratas e organizacións sindicais) a unha xuntanza esta mesma tarde para tratar o conflito.

A reunión, instada polo Consello Galego de Relacións Laborais, logo da CIG solicitar a mediación do AGA, terá lugar ás 16:30 horas na Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol e á mesma están convocadas Navantia, as empresas presentes na mesa de negociación dos acordos de 2001,  e todas as organizacións sindicais.  

Presenza policial

Á espera do que dea de si esta xuntanza, dende a CIG-Industria de Ferrol volveron destacar a resposta que está a dar o persoal das auxiliares á convocatoria de folga, que por quinto día consecutivo ten paralizada a actividade nos estaleiros. Dende as 05:00 horas piquetes informativos formados por centos de traballadores/as situáronse nas portas de acceso ás instalacións de Fene e Ferrol.

Como era de esperar, logo da denuncia presentada por Navantia en comisaría a pasada semana, por primeira nesta xornada houbo presenza da policía e da garda civil, ao obxecto de facilitar a entrada. Porén, as traballadores e traballadoras da principal amosaron o seu apoio á loita do persoal das auxiliares, respectando os piquetes informativos e rexeitando a presenza policial ás portas do estaleiros.