A folga ten unha importante incidencia, especialmente nos sectores máis feminizados da área pública
Corral: "Non imos permitir máis conmemoración hipócritas e baleiras de contido, facemos folga para que o poder entenda que non imos de farol"
Miles de galegas están a secundar a folga convocada pola CIG neste 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. Pero hai que lembrar que esta é unha folga que traspasa o ámbito laboral, afectando ao ensino (onde se agarda un seguimento masivo da folga por parte das estudantes), ao consumo e aos coidados.
No conxunto do país, nestas primeiras horas da mañá, o seguimento da folga na sanidade pública é moi elevado, xa que só están entrando as traballadoras nomeadas en servizos mínimos e ten especial incidencia na Atención Primaria. Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.
As traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron nesta xornada á folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.
Seguimento salientábel en todos os sectores de actividades do todo o país
Na comarca de Vigo , a pesar do intento de moitas empresas por boicoteala, a folga está a ter un elevado seguimento. A limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (do que se encarga Althenia).
No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Destacábel o seguimento da folga entre as traballadoras de Copo Galicia, tanto na quenda de noite como nesta da mañá. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark. De igual xeito, rexístrase un elevado seguimento en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono.
Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.
No caso de Pontevedra , a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. No caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.
Na área da Coruña a folga déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. Agárdase un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística a maioría das traballadoras van á folga, polo que non se poderán dar comidas. No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 85%.
Criticar a actitude obstrucionista da dirección do Hospital Quirón, que agardou até o último día para comunicar os servizos mínimos. De feito, a quenda de noite foi notificada por teléfono ou correo electrónico e en moitos casos para as quendas da mañá e da tarde a comunicación fíxose mediante cuadrantes colgados nos taboleiros dos servizos polas/os seus responsábeis pero sen notificación personalizada á traballadora. Esta actuación vai ser denunciada pola sección sindical da CIG.
En Compostela , o 100% das traballadoras da cafetería do Hospital Clínico non acudiron aos seus postos. Arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.
En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.
Censurábel o comportamento do Concello de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas. En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo acudiu ás portas do concello "para demostrar que as traballadoras non imos consentir este boicot".
Na provincia de Lugo , nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai un importante seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade. En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.
En Ourense , a folga de mulleres faise notar en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.
Pór a problemática das mulleres no centro dos debates
Máis alá de porcentaxes, a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, destaca que "o verdadeiro éxito desta convocatoria reside en que "as mulleres fomos quen de pór no centro dos debates as discriminacións e as violencias que sufrimos polo mero feito de sermos mulleres, ou a necesidade de que os coidados sexan asumidos como unha problemática que se debe abordar desde as institucións, sen depositar en nós a súa responsabilidade". E advertiu que "non imos permitir máis conmemoración hipócritas e baleiras de contido, que facemos folga para que o poder entenda que non imos de farol nas nosas demandas".
Margarida Corral puxo como exemplo da múltiples discriminacións que seguirmos a sufrir as mulleres no mercado laboral o caso dunha traballadora que, onte mesmo, chamou ao sindicato para denunciar que nunha contrata de Naturgy lle dixeron que non podían contratar a mulleres, a pesar de reunir a formación requirida para o posto de montadora, por non ter os vestiarios adaptados para elas.
Chamamento a participar nas mobilizacións da CIG e de Galegas8M
A secretaría das Mulleres da CIG anima a secundar esta xornada de folga en todos os seus ámbitos e a participar activamente nas preto de 30 mobilizacións que a central sindical ten convocadas durante pola mañá por toda Galiza. Facemos un chamado tamén a participar na morea de mobilizacións que a plataforma Galegas8M organiza neste 8 de Marzo (pódense consultar as convocatorias nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/ ).
MOBILIZACIÓNS
UNIÓN COMARCAL DE VIGO
VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz
BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)
CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)
MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)
UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA
A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Vigo
BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución
CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello
CEE: 12:30h Na Praza 8 de Marzo
UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA
COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)
COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)
COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza
RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE FERROL
FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)
AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE LUGO
LUGO: 12:30h
BURELA: 12:00h Diante do Concello
MONFORTE: 12:00h Na Praza de España
RIBADEO: 12:00h Diante do Concello
VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello
UNIÓN COMARCAL DE OURENSE
OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal
O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello
VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA
PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina
VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella
A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado
MOBILIZACIÓNS DE GALEGAS8M
A CORUÑA: 19:30h Manifestación dende o Obelisco.
COMPOSTELA: 20:00h Manifestación dende a Praza 8 de Marzo
FERROL: 19:00h Manifestación dende a Praza Amada García
LUGO: 20:00h Ruada Noctura dende a explanada da Xunta
OURENSE: 20:00h Manifestación dende a Subdelegación do Goberno
PONTEVEDRA:20:00h Manifestación dende a Praza do Hospital
VIGO: 20:00h Manifestación dende a Praza dos Cabalos
Consulta todas as mobilizacións convocadas polo feminismo galego nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/