A folga de 24 horas paraliza a actividade da planta de Leche Celta de Meira

O persoal non asumirá propostas que perpetúan as discriminacións salariais e laborais

Meira -

Actividade produtiva e retirada do produto envasado paralizadas ao 100%. Ese é o balance da nova xornada de folga que os traballadores e traballadoras de Leche Celta están a desenvolver na factoría de Meira para esixir melloras salariais e laborais. Porén, a deste mércores é a primeira folga de 24 horas que o persoal desenvolve, xa que nas últimas tres semanas estivo realizando xornadas de paros de 4 horas ou de 2 horas por quenda de traballo. A actividade na fábrica continuará paralizada nos vindeiros días, xa que a folga está convocada tamén para mañá xoves e para o venres.

Na xornada de onte, explica Christian López Carmona, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, coincidindo co paro do mediodía, mantívose unha asemblea do persoal, na que se avaliou a proposta recibida o pasado luns ao remate da manifestación. Para os/as traballadores/as a proposta responde a un exercicio "de querer dinamitar calquera negociación ao tempo que evidencia a precipitación diante dos paros de xornada completa, pois non é comprensíbel doutro xeito que, no contexto actual, a empresa envíe unha proposta de preacordo de xeito unilateral e obvie cuestións revisadas anteriormente".

Logo da asemblea o comité formalizou unha nova proposta, que foi recepcionada pola dirección na tarde do martes. Porén, sinala López Carmona, arestora, a empresa non ten realizado ningún movemento ao efecto. Neste liña, engade que "o persoal xa lle trasladou ao comité de folga que, na liña actual, non se poden asumir en Meira discriminacións a perpetuidade no ámbito económico e social".

A empresa está desviando a recollida

En pleno conflito, explica o representante sindical que a empresa está desviando a recollida de leite cara outras industrias lácteas (Outeiro de Rei, etc..) así como para a súa planta da Coruña, mais non ten capacidade para subministrar produto envasado. A este respecto, e tendo en conta a situación actual, na que a empresa evita a negociación a toda costa "e non se asimilan as necesidades de abastecemento do cliente, todo semella apuntar cara unha manobra especulativa ou de desestruturación da empresa".

Ante esta perspectiva, a próxima semana incrementaranse as medidas de presión, con maior número de xornadas de folga e as horas na rotación das quendas.

Volver