A folga na industria auxiliar de Navantia cumpre 21 días coa vista posta na votación deste xoves

O persoal decidirá con todas as garantías seguir ou non co paro

Ferrol -

A folga das auxiliares de Navantia cumpre este mércores a súa 21 xornada de paro continuado, superando a presións da patronal, as tentativas de criminalización por parte de Navantia e os intentos diversos de boicot que levaron a momentos de tensión entre os propios traballadores/as nestes dous últimos días.

De cara a evitar que unha loita exemplar marcada pola falta de incidentes remate como un conflito entre traballadores/as e saír da situación de tensión xerada, dende a CIG-Industria apostouse nesta xornada por retomar as conversas iniciadas o luns con CCOO, UGT e MAS para ver de organizar unha votación sobre o conato de proposta da patronal e a continuidade ou suspensión da folga. Mais unha consulta que sexa realizada con todas a garantías posíbeis.

Deste xeito, tras da xuntanza mantida ao longo desta tarde, as centrais sindicais acordaron realizar mañá xoves (día no que se cumpren tres semanas do inicio da folga), unha votación dentro dos estaleiros entre as 10 e as 14 horas. Colocaranse 3 urnas en Fene e 3 en Ferrol, divididas por empresas, o voto estará limitado ao persoal de obra de categoría inferior a xefe de equipo. Ademais, os censos estarán conformados polos operarios e operarias que picaron a súa entrada ás instalacións o pasado día 3 de outubro (antes do inicio da folga).

Garantías na votación

"Esta parécenos a maneira máis correcta para organizar unha votación na que quede garantido que só poderán participar os traballadores e traballadoras convocados/as á folga e afectados/as polos acordos de 2001", apuntaba Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria.

Se o resultado da votación é positivo á suspensión do paro, engade, levarase a cabo unha negociación coas empresas (que até o momento se negaron a sentar na mesa coa CIG mentres non se desconvocara a folga). Unha negociación que se busca pouco prolongada e na que entrar de inmediato a abordar a cuestión salarial. Neste contexto, os comités de Navantia en Fene e Ferrol comprometéronse a dar todo o apoio preciso ao persoal das auxiliares.

En caso dos traballadores/as apostar por continuar a folga, actuarase en consecuencia. "E mentres non se coñezan os resultados seguiremos con piquetes diante das portas", apuntaba Vidal.

Oferta sindical

Sobre as reunións mantidas o martes coas empresas, o secretario comarcal da CIG-Industria valorou que, como insuficiente a contraoferta das empresas e pouco concreta. A este respecto, CIG, CCOO, UGT e MAS chegaron a un documento de consenso para trasladar á patronal (como punto de partida para a suspensión temporal da folga) no que se solicita que as empresas asuman o custe do paro xa sexa abonando as nóminas deste mes ou ben pagando o 50% do salario e o outro 50% contabilizándoo como vacacións. Pola súa banda, a patronal asume o compromiso de minimizar os efectos na nómina a conta de vacacións ou segundo pactos por empresa.

En canto ás melloras salariais, a proposta social é que se abone o 50% da diferenza que existe entre as actuais retribucións e o recollido nas táboas salariais de 2001. Sobre aplicar a suba imediata, as empresas defenden o compromiso de adiantar unha cantidade indeterminada a conta do acordo definitivo, e que este adianto se pactará nas primeiras reunións.

Á espera do que decidan mañá os traballadores e as traballadoras, a súa é e seguirá sendo unha loita pola dignificación das súas condicións laborais, para rematar coa discriminación que se está a dar nestes momentos nas auxiliares e crear un marco legal vinculante que evite a competencia desleal.

Volver