A folga das auxiliares de Navantia chega á sétima xornada cun éxito absoluto de seguimento

A CIG insiste na súa disposición a negociar se se cumpren acordos de 2001 e se respectan as asembleas

Ferrol -

Este mércores cúmprese a sétima xornada dende o inicio da folga indefinida dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia co obxectivo de lograr garantías de cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas. Unha xornada máis, a pesar das presións e as tentativas de confundir, o paro está sendo secundado de xeito masivo polo persoal.

A respecto das posíbeis negociacións coa patronal, Vicente Vidal sinalou que "a CIG vai estar en todas as mesas nas que se fale das condicións do persoal das auxiliares, pero non imos suspender a folga, porque así o decidiron en asemblea os traballadores e as traballadoras". Neste senso, apuntou que, "por terceiras persoas", a CIG-Industria tivo coñecemento de que esta mesma mañá se ía reunir a mesa que hai uns días constituíron as empresas, CCOO e UGT, e á que a central nacionalista non foi convocada formalmente.

"Aínda así, por responsabilidade, decidimos acudir. Cando chegamos a reunión xa comezara e informáronnos de que se esqueceran de convocarnos e acordaran suspendela até a vindeira semana. Pola nosa banda, expuxemos a plataforma da CIG, que non é outra cousa que o demandan os traballadores: respectar os acordos salariais do ano 2001 (actualizados a 2014) e a partir de aí negociar as cuestións que se queiran", explicou Vidal.

Á súa vez, engade, a representación da CIG interesouse por coñecer cales son as propostas que hai tanto pola parte do empresariado como por parte dos outros sindicatos, "ao que, sorprendentemente responderon que por agora non hai ningunha, que se vai negociar".

A CIG vai estar en todas as mesas nas que se fale das condicións do persoal, pero non imos suspender a folga, porque así o decidiron as asemblea de traballadores"

Condicionamentos na negociación

O secretario comarcal da Federación de Industria lembrou que, nas xuntanzas entre as partes previas ao inicio do paro, dende a representación empresarial, coa complicidade dos demais sindicatos, condicionouse seguir a negociación ao levantamento da folga. Mais, reiterou Vidal, foron os traballadores e as traballadoras "quen decidiron en asemblea ir á convocatoria de folga indefinida".

Neste contexto, para facilitar o diálogo, a central nacionalista solicitou a mediación do AGA, motivo polo que o Consello Galego de Relacións Laborais chamou a empresas e sindicatos a unha reunión o pasado luns, da que saíu un preacordo, que a CIG levou a consideración do persoal das auxiliares. Porén, nesas asembleas os traballadores/as ratificaron de xeito abrumador continuar adiante coa folga indefinida para esixir o cumprimento dos acordos salariais por igual en toda a industria auxiliar de Navantia.

Volver