A Fiscalía Superior de Galiza vén de comunicarlle á CIG que abriu dilixencias de investigación preprocesual por presunto delito de prevaricación diante dos cambios realizados recentemente nas Seccións do Contencioso-Administrativo do TSXG. Porén, tamén comunica que dá traslado das denuncias e da documentación á Fiscalía do Tribunal Supremo ao non poder investigar as persoas denunciadas pola súa condición de aforadas ante a Sala Segunda do Supremo. Polo tanto, correspóndelle ao Alto tribunal do Estado continuar coa tramitación das dilixencias de investigación.
A notificación da Fiscalía galega dá resposta á denuncia presentada hai unhas semanas pola CIG e unha vintena de colectivos da Coordinadora Eólica Así Non que lle requirían ao ministerio fiscal que investigase se a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, Azucena Recio, de mudar os litixios eólicos da Sección Terceira á Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG, puidera ser constitutiva dun delito de prevaricación dos previstos no artigo 446 do Código Penal.
Hai que lembrar que esta modificación de competencias sobre as autorizacións de proxectos eólicos e liñas de alta tensión fíxose sen mudar as normas de reparto do alto tribunal galego aprobadas en 2023 e en contra do ditame da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG. Este cambio, ademais, entra abertamente en contradición co rexeitamento previo por parte da Sección Terceira de inhibirse nas súas competencias a favor da Segunda ante as solicitudes formuladas pola Xunta de Galiza e por empresas do sector co-demandadas.
Para a CIG, as alteracións arbitrarias no reparto de asuntos -feitas en paralelo ao traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira da Sala do Contencioso – aplicáronse para satisfacer o interese expresado pola Xunta de Galiza e empresas do sector eólico nos procesos relativos ás autorizacións de liñas eléctricas..
Estas decisións que afectan ao Contencioso-Administrativo motivaron tamén que se presentaran tamén escritos de queixa diante das presidencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que aínda non recibiron resposta.
Relación de colectivos que presentaron escrito de denuncia na Fiscalía: CIG, ADEGA, SLG, FRUGA, ORGACCMM, ACOUGA, Amigas da Terra, Asociación Vento Libre, Asociación Fonte Seca, Asociación Tarabelada, A.C.I.B.A.L. (Amil Sen Eólicos e Colectivo do Vento), Plataforma Eólicos no Morrazo Non, Cerdido Di Non, Ortegal Di Non, Asociación de Veciños/as do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Veciñal Agra de Orzán.