A CIG non asina o acordo en Atunlo por falta de garantía no cobro das indemnizacións

Considera insuficiente a información aportada para xustificar a aplicación dun ERE extintivo para máis dun cento de persoas
O Grove - 16 Xan 2024

A representación da CIG non asinou finalmente o acordo entre Atunlo e CCOO -con maioría no comité de empresa- que suporá o despedimento da práctica totalidade do cadro de persoal da fábrica do Grove xa que non existen garantías suficientes para o cobro das indemnizacións por parte das traballadoras/es. A central sindical considera tamén insuficiente a información aportada pola dirección para xustificar a aplicación dun ERE extintivo que afectará a máis dun cento de persoas.

A FGAMT-CIG leva tempo advertindo que a situación de preconcurso de acredores na que se atopa a compañía con sede en Vigo e centros de traballo no Grove e Cambados tradúcese nunha inseguridade xurídica para as empregadas/os, ao tempo que insiste en que o informe técnico nin o resto de documentos aportados por Atunlo xustifican unha restruturación laboral que pasa por desmantelar o departamento de fabricación e desenvolver unicamente labores loxísticas cunha mínima parte do actual cadro de persoal. 

A situación de preconcurso de acredores da empresa tradúcese nunha inseguridade xurídica para o persoal

Con todo, a representación da central sindical na empresa quere deixar moi claro que respectan a decisión adoptada pola maioría das traballadoras/es de aceptar a proposta da dirección, pero aclaran que non poden apoiar o acordo “por falta de información e por considerar insuficientes as medidas propostas”.

Finalmente, dende a FGAMT-CIG lamentan o papel que está a xogar CCOO en todo o proceso, “un sindicato que tal e como se puido comprobar nunca apoiou as loitas que a CIG tivo que en solitario nos últimos anos en favor do conxunto do cadro de persoal, dedicándose unicamente a boicotear a acción sindical por activa e por pasiva”.