FGAMT-CIG de Ferrol pídelle á Xunta un estudo das causas do deterioro da zona de marisqueo do percebe

A central sindical alerta da "preocupante" diminución da produción nesta zona
Ferrol - 14 Set 2018

A FGAMT-CIG fai unha chamada de atención sobre a situación da zona de marisqueo do percebe no ámbito de explotación que pertence á Confraría de Ferrol. Subliña que os traballadores e as traballadoras do sector teñen detectado fortes cheiros a gas e a fecais e mesmo as rochas presentan un estado de ausencia de vida. A central sindical alerta do grave deterioro que sofre esta zona de explotación, que está a ocasionar unha diminución "moi preocupante" da produción de percebe.

Ante esta situación, a FGAMT-CIG esíxelle á Xunta de Galiza que se realice un estudo -por parte da Consellaría competente- en relación a cales son as causas que provocan o deterioro desta zona de explotación: se está afectada por determinadas actividades da planta de gas, por defectos de funcionamento da depuración na ría de Ferrol, etc.

Neste senso, a central sindical reclama ao Goberno galego que se adopten as medidas necesarias para a recuperación do entorno de maneira que se permita volver aos niveis de produción propios desta zona de explotación.