A FGAMT-CIG pídelle axilidade á Xunta no proceso de rescate da concesión da liña Viveiro-Ribadeo

Para non seguir prexudicando ao persoal non subrogado
A Mariña - 01 Set 2017

Diante do anuncio de que a Xunta vai iniciar o proceso para a retirada  da concesión da liña de autobús A Mariña-Viveiro-Ribadeo á UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez, a FGAMT-CIG urxe á administración galega que formalice o rescate do servizo para non seguir prexudicando os traballadores/as afectados/as.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, destaca "o alivio" que supón que, por fin, a Consellería de Infraestruturas "tome unha determinación respecto da situación de inxustiza que veñen padecendo os traballadores/as afectados/as pola non subrogación". Hai que lembrar que a UTE Autos Moran-Autocares Rodríguez Domínguez negouse a asumir a totalidade do persoal de Arriva Noroeste subrogábel no servizo A Mariña-Viveiro-Ribadeo, con anexos”, polo que dende o pasado 8 de agosto, estes traballadores permanecen nunha situación de absoluto abandono.

López lembra que, tal e como se defendeu dende a  central sindical, só existían dúas solucións neste conflito: a subrogación do persoal ou o rescate da concesión. Neste senso, insta a Xunta a axilizar o procedemento de rescate para non prexudicar máis os traballadores/as e para que sirva "de aviso" ás empresas que incumpren os compromisos acadados.  

"Pero sobre todo, para que realmente se faga efectivo o rescate da concesión, pois por desgraza estamos acostumados a que dende os anuncios até a toma efectiva de actuacións, pase moitos días. Xornadas que non poden ser asumidas polo persoal directamente prexudicado por esta arbitrariedade".