A FGAMT-CIG critica a "tolerancia" da Xunta coas empresas de transporte que incumpren os pregos

Reclámalle executar os recursos legais para garantir a estabilidade do persoal subrogábel
A Mariña - 14 Ago 2017

O pasado venres, os traballadores de Arriva Noroeste non subrogados pola UTE Autos Moran-Autocares Rodríguez Domínguez (nova adxudicataria da liña regular 'A Mariña-Viveiro-Ribadeo, con anexos') mantiveron un encontro con José Manuel Balseiro Orol, Delegado territorial da Xunta de Galiza en Lugo, para expor a situación laboral na que se atopan e demandar da administración unha solución urxente.

Nesa xuntanza, que tivo lugar na sede do Partido Popular de Ribadeo, o político mariñao interesouse polas circunstancias actuais destes traballadores/as, que se atopan sen actividade. Unha situación completamente anormal, indica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, na cal a Xunta de Galiza "non é quen de executar os recursos legais ao seu amparo para garantir a estabilidade laboral comprometida co persoal subrogábel".

Do encontro os/as traballadores/as puideron constatar a sensibilidade coa actual circunstancia, mais tal e como trasladou o propio Balseiro, a situación que padece este persoal alongarase cando menos até o 21 de agosto, "o que supón unha posición de tolerancia total da administración galega respecto dos empresarios que incumpren o disposto nos pregos dos contratos".

Comisión de seguimento

O pasado venres tamén se constituíu a comisión de seguimento relativa aos proceso de contratación do plan de transportes de viaxeiros/as. Na mesma contan  con representación os sindicatos estatais, ao non permitiren a presenza da CIG por supeditar a nosa inclusión ás asembleas de traballadores/as do sector. Sobre a situación do persoal non subrogado, na comisión acordouse recadar maior información das empresas en conflito, co obxecto de analizar novamente a situación o vindeiro 21 de agosto. Porén, "ningunha das organizacións sindicais con presenza na comisión de seguimento solicitou o rescate da concesión ou a garantía inmediata da subrogación", denuncia López.

A CIG, que xa puxo en coñecemento da Consellaría as circunstancias do persoal hai dúas semanas, esixe que se garanta a subrogación da totalidade dos traballadores e traballadoras afectadas ou, en caso contrario, o rescate da concesión polos incumprimentos da empresa adxudicataria. "Dende a CIG consideramos que a Consellería ten capacidade para executar solucións que garantan xa a subrogación do persoal afectado e non parece de recibo dar corda ás dúas empresas en litixio -Arriva Noroeste e a UTE Autos Morán-, o que fai sospeitar da posibilidade de que existan determinadas preferencias de cara a garantir o contrato coa UTE Autos Morán".

Así, adiantou o Secretario Comarcal, a FGAMT-CIG valorará a posibilidade de iniciar actuacións pola defensa e mantemento da normalidade dos postos de traballo nas vindeiras xornadas.