A FGAMT-CIG de Ourense leva tempo denunciando a crecente explotación e precarización das condicións laborais no sector do viño da provincia, no que se rexistra un abuso da contratación de persoas migrantes a través de ETT por parte das principais empresas. Unha situación que desminte as recentes afirmacións do conselleiro de Emprego, José González, cuxa adega familiar foi sancionada pola Inspección de Traballo por empregar persoas migrantes en situación irregular.
As xustificacións do responsábel autonómico, primeiro, e do xerente da propia compañía sancionada, despois, pretenden trasladar a idea de que o acontecido é algo puntual, cando o certo é que a falta de control na contratación propiciada polo convenio colectivo fomenta un ecosistema de explotación laboral, con abuso na subcontratación, exceso de horas extraordinarias e falta de descanso semanal.
O conselleiro sabe o que acontece no sector, tanto pola súa actividade como polo seu vencello familiar coa industria vitivinícola da comarca do Ribeiro, polo que unha sanción administrativa non o exime da súa responsabilidade como máximo representante da Xunta en materia de emprego
A CIG puxo esta situación en coñecemento da Inspección de Traballo o ano pasado. E malia que a autoridade laboral emitiu un requirimento para que as empresas rematasen con estas ilegalidades, as prácticas continuaron na vendima deste ano, optando de novo a central sindical por presentar denuncia na Inspección o pasado 14 de setembro.
“O conselleiro é coñecedor do que acontece no sector, tanto pola súa actividade como polo seu vencello familiar coa industria vitivinícola da comarca do Ribeiro, polo que unha sanción administrativa non o exime da súa responsabilidade como máximo representante da Xunta en materia de emprego”, sinala Rubén Requeixo, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ourense.
En consecuencia, reiteran que ten que presentar a súa dimisión ou ser cesado de xeito inmediato, “porque cada minuto que segue no cargo é unha xustificación para a patronal para continuar co abuso e a explotación de persoas migrantes”.
Ao mesmo tempo, a CIG reclama que a empresa familiar do conselleiro sexa obrigada a devolver as cuantiosas subvencións públicas que recibiu da Xunta nos últimos anos, tendo en conta a gravidade da sanción da autoridade laboral. A central sindical considera que se trata da máis grave das ilegalidades que se poden cometer en materia laboral, “xa que á explotación de clase súmase a contratación de persoas estranxeiras en situación de extrema vulnerabilidade pola súa situación legal”.
Ecosistema de precariedade
Para a CIG este ecosistema de precariedade e de explotación é consecuencia directa da falta de control na contratación no convenio colectivo de Industrias Vitivinícolas asinado por CCOO e a patronal e que entrou en vigor o pasado mes de xullo. “Propíciase o abuso da subcontratación mediante ETT e empresas de servizos, e polo tanto a precarización das condicións laborais e a falta de vixilancia da legalidade das persoas subcontratadas”.
Ademais, trátase dun marco normativo que mantén importantes limitacións nos dereitos das persoas traballadoras: ausencia de antigüidade para quen accedeu ao sector despois de 1999, ampla distribución irregular da xornada, capacidade empresarial para decidir sobre a compensación das horas extraordinarias e incrementos salariais que non garanten unha recuperación real do poder adquisitivo.
Finalmente, e dada a situación na que se atopa o sector, a central sindical demanda unha intensificación da labor inspectora para perseguir as prácticas irregulares por parte das principais empresas co obxectivo de dignificar as condicións laborais dun dos sectores máis importantes para rematar co despoboamento do rural galego.