A FGAMT-CIG convoca unha manifestación solidaria coa loita do persoal autónomo dependente de Frigolouro

A marcha partirá dende a Casa de Cultura do Porriño este mércores ás 11.30 horas
Vigo - 05 Abr 2016

A federación de Alimentación da CIG convoca para este mércores unha manifestación solidaria coa loita que desenvolve o persoal de Servicarne, autónomos/as dependentes de Frigolouro, para reclamar unhas condicións laborais dignas. A marcha partirá da casa da Cultura do Porriño ás 11.30 hora e rematará diante da empresa de procesados cárnicos.

Antes da mobilización, arredor das 9.30 horas, a central nacionalista desenvolverá unha asemblea de delegados/as na Casa da Cultura porriñesa para analizar o conflito laboral aberto en Frigolouro pola discriminación que sofren os traballadores/as pertencentes a Servicarne. Na xuntanza tamén se abordará a celebración do vindeiro 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira.

Segundo explican dende a CIG, con esta manifestación o persoal pertencente á cooperativa de traballo asociado Servicarne -que desenvolve o seu labor nas mesmas instalacións de Frigolouro- quere reclamar unhas condicións laborais dignas e xustas, ademais de esixir a readimisión dos cinco compañeiros/as despedidos/as despois de participar nas xornadas de folga e nas protestas convocadas con anterioridade.