A fenda de xénero das pensións: as súas razóns e políticas para combatela

Mikel de la Fuente -

O reforzamento da relación entre cotizacións e pensións e de endurecemento das regras que caracterizou non só ás reformas de pensións de 2011 e 2013 senón tamén as anteriores, prexudica especialmente as pensións por dereito propio das mulleres

 A fenda de xénero maniféstase tanto na dificultade de acceso ás pensións, no tipo de pensións ás que maioritariamente acceden e, ligado con este último aspecto, á súa menor contía. No Estado español as mulleres son maioría das persoas perceptoras de pensións non contributivas (o 80%) e das provenientes do extinto seguro obrigatorio de vellez e invalidez, en ambos os casos de contía moi baixa. Representan o 48,17% das que perciben unha pensión contributiva, pero iso débese en gran medida en que supoñen o 92% das case dous millóns catrocentas mil persoas que cobran pensións de viuvez. Como unha parte das pensionistas de viuvez perciben tamén pensións por dereito propio, é dicir, baseadas nas súas cotizacións, o 51,36% do total das pensións son percibidas por mulleres. Porén, rexístrase a diferenza máis elevada da Unión Europea entre homes e mulleres de entre 65 e 74 anos (27, 2 puntos) na cobertura da pensión contributiva máis frecuente e, en xeral, de maior contía, a de xubilación.

 A contía media do conxunto das pensións a inicios do 2018 era de 1.151,5 para os homes e 728,33 para as mulleres, é dicir, máis de 400 euros de diferenza, o que dá lugar a unha fenda de xénero na contía do 34%. A diferenza é aínda maior nas pensións de xubilación (450 euros mensuais), o que equivale a unha fenda de máis do 36%. Nas pensións de viuvez a diferenza é a favor das mulleres, pero os perceptores homes simultanean en proporción moito máis elevada que as mulleres esta pensión con ingresos do traballo ou outras pensións (basicamente xubilación e incapacidade). As mulleres están moito máis representadas nos tramos de menor contía, mentres que só o 16% de que perciben os dous tramos máis elevados son mulleres.

- A fenda salarial de xénero do 23% (máis elevada entre as de máis idade e maiores salarios). Os menores salarios dan lugar a cotizacións máis baixas e estas traen consigo pensións máis reducidas;

- Menores taxas de actividade e ocupación, por actividades de coidado de fill@s e outros familiares e pola concentración de mulleres nos sectores de peores salarios e condicións laborais, que desestimulan o emprego;

- Maiores taxas de desemprego;

- Segregación vertical e horizontal, é dicir, escasa proporción de mulleres nos postos de traballo de maiores salarios e concentración nos sectores de inferior nivel salarial (comercio, hostalaría, limpeza, etc.). A salientar o caso do emprego doméstico, realizado no 96% por mulleres e que é obxecto dun tratamento normativo discriminatorio (ao manter cotizacións inferiores aos salarios que perciben, que ademais son moi baixos), que pode manterse polo actual goberno do PSOE [http://vientosur.info/spip.php?article13868];

- Maior taxa de parcialidade, asociada con salarios/hora máis baixos.

Medidas de compensación da fenda de xénero e os seus límites

 Está na lóxica da técnica dos sistemas de pensións públicos baseados no método de repartición “favorecer” en materia de pensións os colectivos que sofren discriminacións laborais e extralaborais. Co fin de compensar as diferenzas que teñen lugar no marcado de traballo como produto da maior asunción polas mulleres das tarefas reprodutivas, aplícanse nalgúns países, con moi diversa amplitude, regras correctivas que benefician especialmente as mulleres, na medida en que son elas as que asumen esas tarefas. Esas regras consisten na atribución de cotizacións polos períodos de retirada da actividade remunerada polo coidado de fillos ou outros familiares, establecendo recargas nas pensións pola tenza de fillos e fixando pensións mínimas garantidas que permite acceder a pensións de contía superior que as que resultarían da aplicación das regras xerais de cálculo.

 Segundo algunha autora feminista, o perigo deste procedemento é que a súa extensión a tarefas que se deberían realizar mediante o servizo público permite reducir o custo dalgunhas políticas sociais, ao substituír o traballo remunerado por traballo case de balde. Esa política, ademais de obviar a creación de empregos dunha utilidade social que é innegábel, supoñería que a asignación de dereitos propios limitásese ás persoas que non os adquiriron polo seu traballo profesional, o que tería o risco de que eses dereitos máis que valorizar o traballo familiar ou de coidado realizado tenden a subliñar o estatuto da muller no fogar[2]. Ao meu ver, este risco non é significativo no Estado español xa que a reducida magnitude dos dereitos que se conceden non permiten acceder por si mesmos á pensión polo que só teñen ter carácter complementario aos dereitos que se obteñen polo emprego remunerado.

 A reforma de 2011 e disposicións posteriores crearon ou ampliaron algunhas medidas que melloran o acceso ás pensións das mulleres, entre as que se poden sinalar as seguintes[3]:

- O recoñecemento como cotizado das excedencias familiares: tres anos por coidado de fillos/as ou menores acollidos/as e un ano por coidado doutros familiares (ata o segundo grao), coa limitación de que non é aplicábel para o período mínimo de acceso á pensión, o que impide suprimir a importante fenda no acceso a esta.

- Bonificacións por coidado de fillo/a mediante o cómputo como cotizado da interrupción por extinción da relación laboral con anterioridade ao nacemento ou a adopción/acollemento e a finalización , desde os 112 días iniciais no ano 2013 ata un máximo de 270 días no 2019, por fillo/a ou menor adoptado. Tampouco é aplicábel para o período mínimo de acceso.

- O novo complemento de maternidade, que establece recargas da pensión de xubilación, viuvez ou incapacidade permanente a favor das mulleres pola súa “achega demográfica á seguridade social”, en función do número de fillas/os: do 5% por dous, 10% por tres; 15% por máis de tres, é dicir, que non se ten en conta a citada “achega demográfica” das mulleres que só tivesen unha filla. Só se aplica a partir do 2016 e ás pensións causadas a partir dese ano, non ás anteriores, polo que só ten efectos para mulleres nadas a partir da década dos cincuenta do pasado século. O complemento non se absorbe polo complemento de mínimos da pensión, se existise, pero non se aplica sobre a pensión mínima senón sobre a que corresponda segundo as cotizacións e revalorizacións correspondentes, o que dá lugar en moitos casos a complementos de contía moi reducida. Tampouco se aplica a todas as modalidades de xubilación: quedan excluídas as anticipadas [https://revista.laborum.es/index.php/revsegsoc/article/view/97]. Até abril do 2018 percibirían a recarga, en calquera das súas porcentaxes, algo máis de 380.000 mulleres, cifra moi inferior á que resultaría se non existisen as mencionadas limitacións. Tendo en conta de que maioritariamente se aplicaron ás pensións de viuvez, de moi baixa contía media, os complementos son de escaso importe.

 O reforzamento excesivo dos dereitos derivados pódese converter nunha trampa contra o emprego das mulleres, ao estimular a súa retirada ou non acceso ao mercado de traballo, polo que outra modalidade de individualización consiste en que a redución dos dereitos derivados sexa paralela ao aumento do acceso das mulleres ao mercado de traballo. No actual contexto de incremento da actividade profesional das mulleres e de mellora relativa dos seus dereitos, é posíbel promover a redución progresiva dos dereitos derivados, destinando os recursos que se aforren -e non só eles- á afirmación dos dereitos propios. No Estado español, o enorme retroceso da participación das mulleres no traballo remunerado que tivo lugar durante o franquismo debilitou enormemente os dereitos propios de pensión das mulleres, que están mellorando moi amodo para unha parte importante destas.

A contributividade contra as mulleres

 As medidas compensatorias da fenda de xénero das pensións que se aprobaron nos últimos anos para amortecer as diferenzas de pensión entre mulleres e homes foron de menor impacto que as que operan en sentido contrario e que se adoptaron co obxectivo de aumentar a contributividade, é dicir, do estreitamento da relación entre a suma das pensións percibidas durante o período de percepción destas e o valor actualizado das cotizacións pagas ao longo de toda a vida laboral [http://pinguet.free.fr/marty618.pdf]. Iso expresouse, entre outros elementos, na implantación do factor de sostibilidade que ten a función de reducir a pensión de xubilación cando aumente a esperanza media de vida.

 O reforzamento da relación entre cotizacións e pensións e de endurecemento das regras que caracterizou non só ás reformas de pensións de 2011 e 2013 senón tamén as anteriores, prexudica especialmente as pensións por dereito propio das mulleres. A seguir, sinálanse algúns dos seus aspectos.

- O aumento da idade de xubilación de 65 a 67 anos que prexudica as mulleres pola menor duración media dos seus tempos cotizados (uns dez anos), debida ás frecuentes interrupcións das cotizacións polas saídas frecuentes da actividade laboral. Ese aumento da idade dá lugar á aplicación de penalizacións para quen se vexan obrigadas a xubilárense anticipadamente e/ou a períodos sen ningún tipo de remuneración, nin salarial, nin de desemprego (ou outras prestacións sociais como as rendas de inserción en moitas Comunidades Autónomas), nin de pensións. Para evitar a penalización na pensión requírese ampliar a consideración como cotizado dos tempos dedicados ás actividades de coidado e mellorar os complementos de maternidade.

- A ampliación do período mínimo de cotización de 10 a 15 anos para acceder á xubilación, que se realizou no 2007 pero que se agravou no 2010 e 2011 baixo goberno do PSOE, impide o acceso á pensión a un número máis importante de mulleres que de homes e é dos períodos máis amplos da Unión Europea. A última guinda neste asunto foi a eliminación no 2012 da asunción polo Estado da cotización ás coidadoras das persoas en situación de dependencia, que supuxo unha redución do 90% dos convenios especiais subscritos.

- Sucesivas ampliacións do período de cálculo da pensión de xubilación conforme ás cotizacións, desde os dous últimos anos aos 8 últimos (en 1985), os 15 (1997) e os 25 anos (2011).

- Cobertura de baleiros (períodos sen cotizar) no cálculo da pensión: 48 meses substitúense pola base mínima de cotización e o resto pola metade desta (mentres que anteriormente se aplicaba a base mínima a todo o período sen cotizar).

- Ampliación dos períodos cotización esixido para alcanzar o 100% da pensión, de 35 a 37 anos.

- Aumento das idades de xubilación ordinaria e anticipada e endurecemento dos requisitos, entre eles o aumento do tempo cotizado, que dificultan o acceso á pensión e reducen a súa contía.

- Limitación da contía que se pode cobrar como complemento de mínimos das pensións contributivas á contía das pensións non contributivas (370 euros mensuais no 2017), o que reduce ese complemento de quen teñan moi curtas e antigas carreiras de cotización.

- Aumento da contratación a tempo parcial das mulleres -o 73% de quen traballa a tempo parcial son mulleres-, o que lles impide alcanzar porcentaxes altas de pensión. De forma maioritaria (máis do 60%) realízase de forma involuntaria, por non poder acceder a un traballo a tempo completo.

- Medidas que favorecen a permanencia das mulleres na economía informal e impiden así o acceso ás pensións e/ou limitan a súa contía: condicionamento do subsidio de desemprego para maiores de 55 anos aos ingresos do conxunto da unidade de convivencia; mínimas máis elevadas das pensións de xubilación e incapacidade cando o perceptor teña “cónxuxe a cargo”. Estas regras afectan especialmente ás mulleres máis precarizadas e de salario máis baixo.

 Ademais de medidas legais o combate contra a fenda salarial esixe que a negociación colectiva asuma como tarefa prioritaria o emprego decente para as mulleres e que a Inspección de Traballo estea dotada de medios suficientes e de vontade política para combater as prácticas empresariais que vulneran a igualdade no traballo. Tamén é necesario que teña lugar unha redistribución dos tempos dedicados á reprodución da vida entre homes e mulleres.

As pensións de viuvez

 A mellora das mulleres no mercado de traballo, con incrementos na súa taxa de participación na poboación activa, así como os maiores salarios derivados do seu maior nivel de educación e formación, están consolidando os seus dereitos propios de pensión de xubilación e invalidez. Iso trae consigo unha menor dependencia das prestacións de dereito derivado dos seus cónxuxes, é dicir, das pensións de viuvez, que na actualidade son percibidas moi maioritariamente polas mulleres, debido non só á súa maior esperanza de vida senón a que as mulleres de maior idade non xeraron dereitos á pensión de viuvez cando falecen con anterioridade aos seus cónxuxes por non reuniren as condicións fixadas na lei (estar de alta na seguridade social no momento do falecemento e ter cotizado, polo menos, 500 días nos 5 anos anteriores a ese falecemento).

 Porén, como se apuntou, a fenda salarial mantense nun nivel moi alto. E aínda que se reduciu segue existindo unha diferenza de máis de dez puntos na taxa de emprego entre mulleres e homes (43,1% no 2017 fronte ao 54,5%). Segundo Eurostat, a asunción de responsabilidades familiares por parte das mulleres é un factor determinante na situación de inactividade profesional dunha parte importante das mulleres.

 A regulación actual das pensións de viuvez, que permite a compatibilidade da pensión con calquera ingreso do traballo ou do capital da persoa beneficiaria, e con outras pensións até o límite do teito das pensións públicas (2.580 euros/mes), contrasta coas normativas da maioría de Estados europeos, que xeralmente só conceden pensións de viuvez, a partir de idades avanzadas das persoas beneficiarias, ou por períodos curtos e /ou só aos beneficiarios de escasos ingresos. Se a protección das novas beneficiarias pasase ao nivel non contributivo, tal como se dicía nunha Recomendación do Pacto de Toledo -e tal como se insiste na actualidade- que propoñía reservala ás situacións de “especial vulnerabilidade” con base en afirmar que “se produciu un gran avance en materia de conciliación de vida familiar e laboral” e se concedese a protección só ás persoas de moi baixos ingresos que se requiren nese nivel, daría lugar a un aforro nas prestacións que foi estimado nunha cifra próxima aos mil douscentos millóns de euros, estimación que se quedará curta se os criterios de acceso á pensión son moi estritos. A inmediata supresión das pensións de viuvez para un gran número de persoas daría lugar a que se agravase a fenda de xénero das pensións, xa que as pensións de viuvez percibidas polas mulleres permiten compensar a inferior contía das súas pensións por dereito propio de xubilación e invalidez.

 A outra cara da moeda é a dos limitados ingresos que supoñen as pensións de viuvez para que non dispón doutros ingresos. Nalgúns casos por seren expulsadas do mercado de traballo durante o franquismo por non poder alcanzar os períodos de cotización necesarios para acceder á pensión (15 anos na xubilación). Noutros casos por se teren dedicado ao coidado de fillos e outros familiares no contexto dun sistema de Seguridade Social que concede permisos moi reducidos de maternidade e paternidade e das regras que nas últimas reformas empeoraron o acceso e a contía das pensións das mulleres [https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3783771] e dun Estado cunha provisión historicamente mínima de escolas infantís e outros servizos de coidado.

 Por todo iso, as pensións de viuvez deben responder a situacións diferenciadas. Para quen puido acceder a pensións propias, o que inclúe as mulleres cuxa idade de acceso ao emprego se cumprise a partir de, por exemplo, 1970, non é necesaria a mellora das pensións de viuvez xa que complementan a outras pensións por dereito propio. Mais a súa eliminación total mantería a elevada fenda de xénero das pensións, xa que a necesaria eliminación ou redución radical da mesma vai ser longa e complicada, na medida que non depende só de normas legais que se poden cambiar senón de prácticas empresariais discriminatorias e da distribución sexual do traballo reprodutivo, que son máis “resistentes”.

 Para as beneficiarias de maior idade as actuais pensións do 52% son moi insuficientes, sobre todo as que, pola data do falecemento do cónxuxe, se aplicaron sobre salarios antigos moi baixos. A aplicación dunha porcentaxe do 70% é moi limitada xa que esixe condicións difíciles de cumprir. O goberno Rajoy atrasou a aplicación dunha norma da lei de reforma do 2011 que establecía, fronte ao xeral do 52% e dada a dificultade de acceder á porcentaxe do 70%, unha porcentaxe do 60% para as pensións de viuvez das persoas de idade 65 ou máis anos, que non tivesen dereito a outra pensión pública e que non tivesen ingresos pola realización de traballos ou estes fosen de moi escasa contía. Os Orzamentos do Estado para 2018 van poñer en vigor unha norma que se debía ter aplicado desde o 1 de xaneiro de 2013, sen que se vaian pagar atrasos por esa demora.

Algunhas conclusións

 Unha ampla parte do movemento de pensionistas, especialmente en Euskal Herria, entendeu a necesidade de derrogar as reformas laborais e de pensións, non só as aprobadas polo PP no 2013 senón tamén polo PSOE no 2011 [http://vientosur.info/spip.php?article11535], que en materia de pensións son aínda máis agresivas, aínda que a súa percepción social está condicionada por unha entrada en vigor progresiva e dilatada no tempo. De non o facer, é moi probábel que a leve redución da fenda de pensións (uns catro puntos) que tivo lugar durante os últimos anos se amplíe de novo cando se despreguen plenamente as reformas de “contributivización”.

 Non abonda con derrogar esas reformas regresivas senón que se deben mellorar e estender as medidas de dereitos familiares, eliminando as restricións temporais e doutro tipo das que están en vigor. Moi importante é o aumento das pensións mínimas, tanto das non contributivas como das contributivas, en liña coa esixencia de 1.080 euros por pensionista para estas últimas proposta de forma unitaria polo movemento vasco de pensionistas e que foi asumida tamén por algunhas organizacións e plataformas noutros puntos do Estado español.

_________________________________________________________________________

[1] Véxase polo miúdo unha explicación das razóns de todo tipo da fenda de xénero das pensións en Errandonea Ulazia, Elisabet, “El nuevo complemento por maternidad y los factores que repercuten sobre la cuantía de las pensiones contributivas de las mujeres”, Revista de Derecho de la Seguridad Social, nº 7, 2016, 75-97.

[2] Peemans-Poullet, H.,”L’individualisation des droits pour rendre la sécurité sociale plus juste et plus sociale”, La Revue politique-CEPESS, nº 3-4, 2000, p. 60.

[3] Unha exposición técnica desta problemática pódese ver en Rivas Vallejo, Pilar, “La perspectiva de género en las prestaciones de la Seguridad Social, en AA.VV (Dirs., José Luis Monereo y Guillermo Rodríguez Iniesta), Tratado de Derecho de la Seguridad Social, Ediciones Laborum, 2017, Tomo II, 485-508.

__________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 3 de xullo de 2018]

Volver