A FEGAMP fixa unha xuntanza para elaborar un protocolo contra a violencia no sector de axuda a domicilio a petición da CIG

Na central sindical consideran que a reunión chega tarde e agarda que na mesa de traballo estean representadas todas as partes
Nacional - 07 Set 2025

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de convocar para este martes 9 de setembro ás 10:00 horas a xuntanza solicitada pola CIG co fin de elaborar un protocolo de prevención da violencia no traballo no sector de axuda a domicilio que evite sucesos como o acontecido a finais de xullo no que unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño foi asasinada por un familiar dunha usuaria.

Con todo, na central sindical consideran que a reunión chega tarde, xa que terá lugar mes e medio despois da morte da traballadora, e agardan que na mesa de traballo para a elaboración dun plan de prevención de riscos e dun protocolo de actuación ante o acoso e as agresións estean representadas todas as partes, tal e como a CIG demandou os pasados 30 de xullo e 5 de agosto. De igual xeito, esixirá que o protocolo sexa de obrigado cumprimento en todos os SAF de Galiza. 

A CIG esixirá que o protocolo para garantir a protección das traballadoras sexa de obrigado cumprimento en todos os SAF de Galiza

Ao mesmo tempo, censuran que a convocatoria non partise directamente da Xunta como máxima responsábel do servizo, e máis concretamente dunha Consellaría de Política Social “que lonxe de asumir o seu papel de preferencia na convocatoria desta reunión trasládalle a responsabilidade á FEGAMP”.

Dende a CIG sinalan que o “tráxico e lamentable” suceso acontecido o pasado mes de xullo é a manifestación “máis dramática” da precariedade laboral que padecen as traballadoras dos SAF e dos riscos aos que se enfrontan. “Sofren casos de violencia a diario durante a prestación do servizo, polo que é imprescindible que se poñan á súa disposición todos os medios de prevención necesarios para garantir a súa seguridade e saúde”.

Porque entenden que o dereito de atención a domicilio non pode estar por riba dos dereitos laborais, dos dereitos de protección e da integridade das mulleres. “A CIG nin esquece nin abandona este obxectivo, aínda que haxa quen pense que co transcurso do tempo as traxedias se esquecen, ou son menos traxedias”, rematan.