A falta de persoal eleva até os tres anos a espera media para a valoración do grao de discapacidade

Traballadores/as deste servizo autonómico desenvolveron unha concentración en Pontevedra
Pontevedra - 18 Mai 2018

Os traballadores/as dos equipos de valoración e orientación da discapacidade da Xunta en Pontevedra desenvolveron unha concentración diante das instalacións da avenida de Vigo este martes 15 para amosar o seu malestar pola situación laboral que padecen como consecuencia da falta de persoal, o que tamén está a provocar un grave prexuízo ás persoas que se atopan á espera de valoración xa que nestes momentos acumúlase un atraso de tres anos.

Dende a representación sindical consideran que a única solución a esta problemática pasa por “un incremento de persoal estable que traballe de xeito continuado e non por contratos temporais dunha duración de 6/9 meses, e tamén por cubrir as vacantes por xubilación para evitar que os equipos se atopan cada vez máis mermados”. 

A representación sindical entende que a única solución pasa por un incremento de persoal estable e por cubrir as vacantes por xubilación 

Neste senso, denuncian a ineficacia das medidas adoptadas pola Consellaría de Política Social ao basearse na temporalidade do persoal contratado, “intentando paliar con parches que ao final non resultan, como o convenio co Sergas para que médicos/as deste organismo valoren por informes e sen consulta presencial dende hai seis meses”.

Ou o recente anuncio da Xunta de que van mandar seis equipos mediante un contrato temporal de 9 meses como máximo, “o que entendemos tampouco vai funcionar pois será persoal sen experiencia nestes postos, polo que precisará formación e supervisión; e cando estes/as traballadores/as estean en condicións de exercer autonomamente remataralles o contrato”.

Finalmente, anuncian a súa disposición a seguir mobilizándose todas as semanas mentres a Consellaría non atenda as súas demandas.