A batalla pola liberación socialista no século XXI non se pode librar coas armas do século pasado. Nunha era na que os algoritmos dominan, na que a influencia da intelixencia artificial sobre os medios de comunicación, a cultura, a educación e o traballo segue expandíndose, e na que as políticas e estratexias económicas se formulan sobre a base dos macrodatos e a análise algorítmica, a esquerda enfróntase a unha pregunta existencial: como poden os movementos que aínda se organizan segundo a lóxica tradicional facer fronte a un capitalismo dixital que alcanzou un nivel de avance tecnolóxico sen precedentes?
Este texto non é simplemente un chamado a desenvolver ferramentas, é un chamado a transformar a conciencia organizativa e intelectual cara a unha comprensión profunda da natureza da batalla dixital.
A fenda en cuestión non é simplemente unha fenda no “dominio técnico”, é unha fenda na comprensión de que o espazo dixital se converteu nun campo de batalla de clases no que o capitalismo domina, programa e asoballa, mentres que a esquerda adoece dunha presenza reducida e da ausencia dunha visión dixital clara.
Pechar esta fenda xa non é un luxo; é unha condición para a supervivencia da propia esquerda, xa que a batalla de hoxe se libra nos algoritmos e as redes tanto como se libra no terreo.
A loita pola tecnoloxía non é unha batalla contra a ciencia, é unha batalla contra o monopolio que os poderes dominantes exercen sobre ela co fin de aumentar as súas ganancias.
A intelixencia artificial non debe considerarse unha ameaza en si mesma, senón máis ben un campo de loita cuxas características están determinadas polo equilibrio das forzas sociais, políticas e económicas.
Nos últimos anos observouse unha aceleración sen precedentes na concentración do poder dixital en mans dun número limitado de corporacións xigantes que controlan a infraestrutura da intelixencia artificial, a computación na nube e os datos globais, o que lles outorga unha influencia económica, política e cultural que, en ocasións, supera a de numerosos Estados.
A tecnoloxía como medio do capitalismo para superar as súas crises
Cando se enfronta a crises, o capitalismo recorre a reproducirse a si mesmo mediante ferramentas científicas avanzadas que lle permiten superar os desafíos sen tocar a súa esencia explotadora.
Na crise de 2008, utilizáronse a tecnoloxía e os métodos científicos para rescatar o sistema financeiro, á vez que se cargaba o custo das perdas sobre as clases traballadoras.
Durante a pandemia da COVID-19 de 2020, o capitalismo logrou superar a crise reforzando a automatización, a intelixencia artificial e o traballo a distancia, o que asegurou a continuidade da produción mediante novos mecanismos que reduciron a dependencia da man de obra humana e aumentaron as ganancias corporativas, á conta de condicións laborais inestábeis para millóns de persoas.
Co amplo auxe da intelixencia artificial desde 2023, o capitalismo entrou nunha nova fase de reestruturación do mercado laboral. A dependencia da automatización e os sistemas intelixentes estendéronse a numerosos sectores, e xurdiron crecentes preocupacións sobre o futuro de millóns de empregos, mesmo mentres as empresas tecnolóxicas obteñen enormes ganancias como resultado do seu monopolio sobre a nova infraestrutura dixital e do coñecemento.
Estas políticas mostran como o capitalismo se beneficia da ciencia como ferramenta para estruturar o sistema e garantir a súa continuidade.
En ocasións, mesmo toma prestadas certas ideas socialistas, como a intervención estatal, como medidas temporais para garantir a estabilidade, só para dar marcha atrás neses avances unha vez que a crise pasou e reproducir a explotación a través de mecanismos máis avanzados.
A flexibilidade científica e a revolución dixital como loita de clases moderna
Á luz destes desafíos, a esquerda debe aproveitar o progreso científico reformulando o seu discurso e as súas ferramentas de maneira científica.
Isto require o uso de ferramentas modernas para analizar os problemas sociais e desenvolver un discurso realista, xunto con mecanismos organizativos flexíbeis capaces de atraer a xente que medrou nun mundo dominado pola tecnoloxía.
Investir en ferramentas científicas non significa identificarse cos valores capitalistas; é unha estratexia para aproveitalas ao servizo da xustiza social e reducir a desigualdade de clases, como un paso cara á construción dun sistema socialista máis humano.
Se as revolucións industriais anteriores transformaron as ecuacións da produción mediante a máquina e o vapor, daquela a electricidade e posteriormente a informática, a fase actual –baseada na intelixencia artificial, o big data e as plataformas dixitais– está reconfigurando a produción, o traballo, o coñecemento e a comunicación humana dunha maneira máis fonda e de maior alcance.
Nesta era, os datos, os algoritmos e os sistemas de intelixencia artificial convertéronse en ferramentas fundamentais para reproducir a dominación de maneiras relativamente invisíbeis, ao influír na opinión pública, dirixir o comportamento individual e colectivo, e controlar o acceso ao coñecemento e á información.
Así e todo, a maioría das organizacións de esquerda seguen estando dixitalmente atrasadas, o que as coloca nunha posición de debilidade. Este atraso reflicte a incapacidade de comprender que o desenvolvemento dixital se converteu nunha condición existencial para a loita socialista.
A falta de ferramentas dixitais e de coñecemento modernas por parte da esquerda sitúaa nunha confrontación desigual cun sistema capitalista que é dono das plataformas globais, os datos e a infraestrutura informática e de intelixencia artificial, ferramentas que lle outorgan unha capacidade sen precedentes para moldear a conciencia e influír no comportamento social e político.
Recuperar a iniciativa
Aínda que a esquerda está a perder actualmente unha das batallas por considerar a tecnoloxía como unha ferramenta secundaria, a guerra aínda non se decidiu.
A vitoria require traducir a visión en programas de acción concretos baseados no uso consciente da tecnoloxía. A esquerda non pode permanecer nunha posición defensiva; debe converterse nun actor activo na reconfiguración do futuro da tecnoloxía para integrala no seu proxecto liberador.
Aínda así, a tecnoloxía non substitúe a organización humana consciente. O poder real reside nos seres humanos organizados, capaces de aproveitar estes medios ao servizo dos seus obxectivos.
A intelixencia artificial é unha ferramenta eficaz para a mobilización, a organización e a análise; con todo, nunca substituirá a solidariedade e o traballo de base, que seguen sendo o motor principal do cambio.
Cara a alternativas dixitais de esquerda: asaltar a fortaleza e liberar as ferramentas
Como esquerda, historicamente logramos ofrecer alternativas nos ámbitos da economía, a xustiza e a política; con todo, hoxe enfrontamos un desafío decisivo: aínda non desenvolvemos unha visión dixital alternativa e integral capaz de romper o dominio tecnolóxico do capitalismo.
A lección dialéctica máis importante que debemos asimilar é que a tecnoloxía non é unha “ferramenta neutral” que cae do ceo; máis ben, é un campo de batalla de clases por excelencia.
O problema fundamental non radica na esencia da intelixencia artificial ou a automatización, senón nas “relacións de propiedade” que as rexen; é dicir, no monopolio que as grandes corporacións exercen sobre estas ferramentas co fin de agudizar o conflito de clases, vixiar as masas e estandarizar a conciencia humana ao servizo da acumulación de ganancias.
Sobre esta base, xa non abonda con que a esquerda adopte a postura de “crítica” ou “espectadora”, xa que debe propor mecanismos novos e audaces para utilizar a tecnoloxía dentro de marcos democráticos, participativos e transparentes.
Necesitamos unha “intelixencia artificial popular” que opere baixo supervisión social e se desenvolva a través de cooperativas dixitais, co obxectivo de distribuír a riqueza e organizar a produción ao servizo das necesidades humanas xenuínas, en lugar dos caprichos do mercado e o fortalecemento da dominación e o militarismo.
Tamén necesitamos modelos de código aberto, plataformas dixitais progresistas e iniciativas tecnolóxicas cooperativas que non estean suxeitas á lóxica do monopolio comercial e que permitan ás comunidades e ás masas participar na xestión do coñecemento e os datos, así como no desenvolvemento de novas tecnoloxías.
Unha confrontación xenuína exíxenos “romper a fortaleza dixital” do capitalismo, o que significa penetrarnos no corazón mesmo do proceso técnico e comprender a lóxica dos algoritmos para desmantelalos e reconstruílos cunha orientación liberadora.
O simple feito de quedarmos fronte aos muros desta tecnoloxía e clamarmos en condena da súa explotación non cambiará nada na realidade e deixará a esquerda illada en guetos intelectuais obsoletos.
Estamos chamados a posuírmos as ferramentas da nosa época, pois así como Marx e Engels transformaron as ciencias económicas e filosóficas do seu tempo –de ferramentas que xustificaban a orde existente a unha arma teórica e práctica en mans da clase traballadora–, a esquerda de hoxe está chamada a ser unha forza activa e programática neste ámbito.
Debemos pasar da posición do “usuario pasivo”, suxeito aos termos das plataformas capitalistas, á posición do “produtor alternativo” que propón unha tecnoloxía comunitaria, aberta e liberada.
A loita ao redor da intelixencia artificial xa non se trata simplemente do futuro da tecnoloxía, trátase do futuro do traballo, a democracia, a cultura e a xustiza social. Sen unha presenza activa da esquerda neste eido, o capitalismo dixital seguirá determinando a dirección do desenvolvemento tecnolóxico ao servizo dos seus propios intereses e continuará controlando o desenvolvemento da mente humana e o futuro da humanidade.
A verdadeira fortaleza da esquerda radica na súa capacidade para integrar a organización humana de base co dominio do dixital, de xeito que o espazo dixital se converta nun escenario de apoio e eficaz, non nun substituto da loita; máis ben, nunha á sobre a que poida elevarse cara a un futuro socialista máis humano e máis xusto.
[Artigo tirado do sitio web Observatorio de Trabajadores en Lucha, do 29 de xuño de 2026]