A EPA do primeiro trimestre de 2026 evidencia o progresivo deterioro do mundo do traballo galego

Destruíronse 8800 empregos e a poboación activa mantívose pola incorporación de persoas estranxeiras
Nacional - 28 Abr 2026

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) relativos ao primeiro trimestre de 2026 amosan unha evolución moi preocupante do mercado de traballo en Galiza. Neste período destruíronse 8800 empregos e a poboación activa mantívose unicamente grazas á incorporación de persoas estranxeiras.

Os principais indicadores experimentan un claro deterioro, comezando pola ocupación, xa que perdéronse 8800 empregos nun só trimestre. Esta diminución afectoulle á maioría das actividades económicas; unicamente sectores como o comercio e a hostalaría rexistraron incrementos de emprego, nun contexto marcado pola Semana Santa.

 

A caída do emprego repartiuse a partes iguais entre homes e mulleres (-4400 en ambos os dous casos). Porén, a diferenza máis significativa obsérvase segundo a nacionalidade: mentres que entre a poboación estranxeira o número de persoas ocupadas medrou en 6300, entre a de nacionalidade española descendeu en 15.100. Deste xeito, o mundo de traballo en Galiza depende cada vez máis da poboación estranxeira.

Poboación ocupada segundo nacionalidade.

 

2026T1

2025T4

Variación

 

Ambos sexos

absoluta

%

Total

1.178,10

1.186,90

-8,80

-0,7%

Nacionalidade española

1.080,40

1.095,50

-15,10

-1,4%

Estranxeira

97,7

91,4

6,30

6,9%

Fonte: INE. EPA.

Tamén salienta a forte caída do emprego no sector público, con 10.600 persoas ocupadas menos nun trimestre, fronte a un lixeiro incremento de 1800 persoas no sector privado.

En canto á poboación activa, medra unicamente en 300 persoas con respecto ao último trimestre de 2025, pero grazas á incorporación de poboación estranxeira: neste trimestre reduciuse en 11.000 persoas a poboación activa con nacionalidade española (incluíndo as persoas con dobre nacionalidade), mentres que o incremento de 11.300 persoas con nacionalidade estranxeira compensou esta caída. 

Tamén salienta negativamente a forte caída do emprego no sector público, con 10.600 persoas ocupadas menos nun trimestre, fronte a un lixeiro incremento de 1800 persoas no sector privado

Peores datos

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, advirte de que se o actual contexto de crise mundial se prolonga no tempo estes datos empeorarán aínda máis como consecuencia da febleza do mercado laboral galego. “De feito, o mundo do traballo non se sostería no noso país se non fose polas persoas estranxeiras, que son as únicas que aceptan as condicións dun mercado laboral baseado nos baixos salarios, na contratación temporal e parcial e na inestabilidade e precariedade”.

Isto explica que haxa 15.100 persoas con nacionalidade española menos entre a poboación ocupada, porque se trata en boa parte de persas galegas con alta cualificación que deciden marchar na busca de empregos que se adapten á súa formación profesional. “As políticas económicas do PP están van camiño de provocar o colapso do mercado laboral galego e tradúcense nunha perda constante de persoas traballadoras”.

Para Sío resulta tamén especialmente preocupante a perda de emprego no sector público, con 10.600 persoas ocupadas menos no último trimestre, consecuencia das políticas “suicidas do PP” de recortes na sanidade, na educación e nos servizos públicos. “Isto está a provocar un empobrecemento da clase traballadora -como nos SAF ou nas residencias de maiores- e unha perda de calidade na atención, mentres as empresas amigas continúan a enriquecerse”.