A DXT devólvelle a Nélida Pisco todos os seus permisos de conducir

A CIG de Compostela exixe a inmediata intervención da Administración no conflito

Compostela -

A Dirección Xeral de Tráfico devolveu a Nélida Pisco, o pasado xoves día 2 de marzo, todos os seus permisos de conducir. Unha resolución tras da que a CIG insta a HEDEGASA (Autobuses de Calo) a levantar a suspensión do seu contrato; devolver os salarios que, desde finais de decembro, deixou de percibir e garantirlle unhas condicións iguais ás do resto de condutores. Ademais insta á Xunta de Galiza a, ou ben retirar a HEDEGASA a concesión, ou ben obrigar á empresa a garantirlle o regreso ao seu posto de traballo en condicións normais.

O pasado mes de decembro a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) retiraba a Nélida Pisco todos os seus permisos de conducir. Unha decisión adoptada, segundo explicou Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG, de forma “irregular” a partir dun escrito presentado pola empresa no que aducía que a traballadora supoñía un perigo para a condución e para o transporte de viaxeiros.

 

Para demostralo, a empresa acompañaba a súa solicitude dun  informe “dun médico da Universidade Complutense, o doutor Orengo, que nunca viu a Nélida diante” e doutro informe coa data “manipulada”, no que figura o ano 2000, cando realmente é do ano 2010, o momento máis duro de acoso laboral que padeceu a traballadora na empresa.

“Mesmo sendo certa toda esa documentación, a DXT tería que parar ese autobús, chamar de inmediato a Nélida para facer unha revisión médica e, en función do resultado da mesma, tomar unha decisión”, explicou Pavón, quen denunciou que, porén, o que fixo a DXT foi retirarlle directamente os permisos.

Ademais, e tal e como lembrou o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, a empresa aproveitou de inmediato a retirada dos permisos de conducir para suspender a Nélida o contrato, o que a deixou sen traballo e sen dereito a cobrar nin salario, nin prestación, porque non se trataba dun despedimento.

Para Noceda esta decisión é especialmente grave porque, alén de deixar  a Nélida nunha situación de absoluta vulnerabilidade, vulnera o propio convenio colectivo de transporte de viaxeiros que establece que a empresa está obrigada a reubicar ao traballador ou traballadora noutro posto no que non precise o permiso de conducir por un período de, como mínimo, un ano.

Actuación inmediata da administración

Diante deste cúmulo de irregularidades e tras case unha década de padecer persecución sistemática por parte da empresa, tanto Noceda como Pavón exixiron unha actuación inmediata da Xunta de Galiza.

A este respecto o secretario comarcal da CIG de Compostela sinalou que desde a central sindical e desde os concellos de Santiago, Ames e Teo remitíronse peticións de reunión con Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Viuvenda, da que depende a concesión do transporte metropolitano, que non foron aínda contestadas. “Eu mesmo mantiven contacto telefónico coa súa secretaria a finais de xaneiro, dada a tardanza en recibir unha resposta pola que seguimos agardando a dia de hoxe”.

Noceda lembrou que cando HEDEGASA concorreu ao concurso para obter a concesión do transporte metropolitano de viaxeiros, nas plicas exixíase o desenvolvemento dun Plan de Igualdade. “Non sabemos que entregou HEDEGASA cando se acolleu ás plicas, o que si temos claro é que no caso de Neli non se poden estar cumprindo, porque ningún Plan de Igualdade contempla o despedimento dunha traballadora por seu nai e querer conciliar”.

Unha valoración á que Pavón engadiu que cando a empresa se presentou ao concurso contaba con tres traballadoras das que hoxe só queda Nélida, porque a empresa foi obrigada por sentenza xudicial a readmitila logo de tela despedido.

Por iso, o secretario comarcal da CIG de Compostela exixiu que, de inmediato “se nos reciba” e que se adopten medidas por esta situación. “Ou ben que se retire a concesión a HEDEGASA ou se lle exixa que, de inmediato esta traballadora poida desenvolver o seu traballo de maneira normal: no horario que ten concedido por sentenza para a súa conciliación da vida laboral e familiar; recollendo o autobús na nave da empresa como fan o resto dos traballadores, sen ter que andar ás agachadas e que a uniformidade que se lle entregue teña unhas dimensións normais”.

Para Pavón está claro que unha administración da que depende a concesión desta empresa, “non pode saír poñéndose medallas en materia de conciliación é igualdade” e logo permitir que se produzan casos como este.

Concentación en apoio a Nélida o 8 de Marzo

Ademais fixo un chamamento a participar na concentración convocada pola Secretaría das Mulleres da CIG, para este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, ás 11:00 horas, diante da Secretaría xeral de Igualdade, en solidariedade con Nélida Pisco e en demanda de que remate dunha vez esta situación.

Volver