A dirección de Atento di agora que non lle consta que haxa problemas laborais na plataforma da Coruña

O persoal continúa cos paros e as concentracións para esixir o cese das presións e sancións

A Coruña -

Por terceira semana consecutiva, traballadoras e traballadores de Atento están secundando paros de unha hora por quenda laboral e concentración diante das oficinas da empresa na Coruña para esixir o cese da política de acoso, persecucións, ameazas, sancións e despedimentos.

Tras dúas semanas de conflito, o pasado xoves, a dirección chamou o comité de empresa a unha reunión na que, para absoluta sorpresa da representación social, manifestou non ter coñecemento de ningunha das cuestións polas que se iniciaron as mobilizacións, nin constancia dos múltiples escritos remitidos polo persoal nin dos requirimentos e multas da Inspección de Traballo.

A sección sindical da CIG  entende que é unha falta de respecto e unha tomadura de pelo a todas as traballadoras e traballadores da plataforma da Coruña, que a responsábel de Relacións Laborais manifeste descoñecer esta situación cando leva "20 anos neste centro".

Ademais, aféanlle á responsábel de Recursos Humanos que aparecera na reunión sen ningunha proposta "cando na xuntanza na que se nos presentou solicitámoslle que se molestase en ler o último informe da avaliación de riscos psicosociais, que é demoledor, e que comezara a implantar medidas para rebaixar os niveis de estrés e ansiedade que se rexistran entre o persoal".

Porén, meses despois continúan sen revisar o informe nin adoptar medidas, "ao igual que parece que non len os escritos que se lle remiten nin dende o comité nin dende as seccións sindicais". Que esta actitude causou unha fonda indignación entre o persoal, demóstrao o feito de que os paros deste luns están tendo un seguimento maior que os da pasada semana.  

Así as cousas, o comité manterá o calendario de mobilizacións todos os luns até que a empresa garanta unhas condicións de traballo dignas.

Volver