A crise da democracia no neoliberalismo

Emir Sader - 29 Mar 2017

A era neoliberal é así a era do esgotamento do sistema das democracias liberais. Os axentes que lle daban lexitimidade -parlamentos con representación popular, partidos con definicións ideolóxicas, sindicatos e centrais sindicais fortes, dirixentes políticos representantes de distintos proxectos políticos, medios de comunicación como espazo relativamente diversificado de debates- baleiráronse, deixando o sistema político e os gobernos suspendidos no aire

Un elemento que se globalizou rapidamente foi o da crise da democracia. En Europa, que se gababa dos seus sistemas políticos, as políticas de austeridade promoveron a xeneralizada deslexitimación deses sistemas, centrados en dous grandes partidos. Cando ambos asumiron esas políticas económicas anti sociais, entraron en crise acelerada, perdendo votos, intensificando o desinterese político polas eleccións, dado que eses dous partidos propugnan políticas similares. empezaron a xurdir alternativas -na extrema dereita e na mesma esquerda- que poñen en shock eses sistemas: pola dereita de forma autoritaria, pola esquerda buscando o alargamento e a renovación das democracias.

 Até que a crise das democracias deu un chimpo co Brexit e coa elección de Donald Trump nos EEUU. En Gran Bretaña, os dous partidos tradicionais foron derrotados nunha decisión crucial para o futuro do país e da mesma Europa, coa decisión maioritaria de saída da Unión Europea. O cal reflexa como eses dous partidos non souberon entender o malestar de gran parte da poboación -incluso de amplos sectores da mesma clase traballadora- respecto dos efectos negativos da globalización neoliberal. Os traballadores, electores tradicionais do Partido Laborista, concentraron o seu voto polo Brexit, en contra da decisión dese partido e acabaron por decidir a votación.

 En EEUU a vitoria dun candidato outsider, que, para gañar, non só enfrontou ao Partido Demócrata senón tamén aos grandes medios, á dirección do seu propio partido, aos formadores de opinión. O triunfo de Trump representou unha derrota para os dous partidos como expresións da vontade organizada dos norteamericanos.

 Por todas as partes a democracia tradicional fai augas. Os partidos tradicionais perden aceleradamente apoios, as persoas interésanse cada vez menos pola política, votan cada vez menos, os sistemas políticos entran en crise, xa non representan a sociedade. É a democracia liberal, que sempre se autodefiniu como “a democracia”, a que entra en crise, baixo o impacto da perda de lexitimidade de gobernos que asumiron os proxectos anti sociais do neoliberalismo e da mesma política, corrompida polo poder do diñeiro, que no neoliberalismo invade a toda a sociedade, incluso á mesma política.

 En América Latina, dous países que fortaleceran os seus sistemas políticos, mediante gobernos e liderados con lexitimidade popular, como Arxentina e Brasil, retrocederon cara a gobernos que perden -ou nunca tiveron- apoio popular. O mesmo sistema político sofre con gobernos que fixeron promesas ou foron elixidos con programas distintos aos que poñen en práctica. O programa neoliberal de axustes fiscais profunda a crise de lexitimidade dos gobernos e dos mesmos sistemas políticos.

 A concepción que preside o neoliberalismo, que busca transformar todo en mercadoría, chegou de cheo á política, cos seus financiamentos privados, con campañas adecuadas a servizos de marketing, con millonarias actividades que fan das campañas un despregamento de pezas publicitarias case ao estilo de calquera outra mercadoría. Por outra banda, gobernos inzados de executivos privados fanos cada vez máis parecidos a empresas, polo persoal e pola concepción que preside a gobernos con mentalidade de mercado.

 A era neoliberal é así a era do esgotamento do sistema das democracias liberais. Os axentes que lle daban lexitimidade -parlamentos con representación popular, partidos con definicións ideolóxicas, sindicatos e centrais sindicais fortes, dirixentes políticos representantes de distintos proxectos políticos, medios de comunicación como espazo relativamente diversificado de debates- baleiráronse, deixando o sistema político e os gobernos suspendidos no aire. O desprestixio da política é a consecuencia inmediata do Estado mínimo e da centralidade do mercado.

 A crise das democracias volveuse un dos temas que se estenden dos EEUU á América Latina, pasando por Europa e por Asia. Xa non se trata de reivindicar un sistema que se esgotou, senón de construír formas alternativas de Estado, de sistemas políticos e de representación política de todas as forzas sociais.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 27 de marzo de 2017]