A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina presenta as reivindicacións da manifestación nacional de 5 de outubro en Compostela
As demandas veñen apoiadas por máis dun cento de colectivos do tecido social galego
Representantes da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar a táboa reivindicativa da manifestación nacional que o próximo 5 de outubro, ás 12:00 horas, sairá da Alameda de Compostela baixo o lema “Galiza Con Palestina. 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación ”. A mobilización coincide co segundo ano da barbarie xenocida de Israel na Faixa de Gaza.
Estas reivindicacións teñen o aval de máis de cento trinta colectivos e entidades de todo o tecido social, desde organizacións políticas e sindicais a asociacións veciñais, clubes deportivos, asociacións culturais, profesionais, etc.
Ánxela Gippini valorou que “a lista de apoios mostra que esta é unha convocatoria aberta á sociedade galega no seu conxunto, que leva dous anos manifestándose en máis de mil cen convocatorias en todas as comarcas galegas”, e informou de que continuará a recibir novas incorporacións ata o mesmo día da manifestación. Gippini tamén deu conta da intensa campaña axitativa que se está a desenvolver por toda Galiza, coa distribución de millares de carteis e folletos informativos.
Oscar Valadares presentou a continuación a táboa reivindicativa da manifestación, que inclúe a denuncia ao mesmo nivel das accións militares que Israel desenvolve desde o 7 de outubro de 2023 na Faixa de Gaza e dos crimes de 77 anos de ocupación. Neste sentido, exíxese tamén “un cesar fogo inmediato que implique a retirada de tropas israelitas e a apertura de corredores humanitarios, así como unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel”.
As reivindicacións reclaman tamén á Unión Europea, ao Goberno español e á Xunta de Galiza a ruptura das relacións comerciais preferentes con Israel e a das relacións diplomáticas. A este respecto, repudiaron o “feito de que, tras dous anos de xenocidio, as lideranzas europeas só recentemente comezasen a rexeitar a inhumanidade de Israel de maneira tan morna e aínda sen efectos prácticos.”
Por último, as reivindicacións exixen a aplicación do dereito internacional, en particular en relación ao dereito de autodeterminación dos pobos en toda a Palestina histórica e ao retorno das persoas refuxiadas. “Urxe parar o xenocidio, mais tamén impedir que Israel poida continuar a roubar terras, desprazar poboación local, aplicar estruturas sociais de apartheid e acosar todo un pobo”, manifestou Sami Ashour, que chamou a participar na manifestación nacional e a encher a praza do Obradoiro o vindeiro 5 de outubro en apoio a Palestina, porque “non falamos de deporte nin cultura, senón de humanidade”.
Concentración de repulsa á presenza de Ehud Olmert no Foro “La Toja”
En paralelo á convocatoria do día 5, a Coordenadora Galega de Solidiariedade con Palestina anunciou tamén unha mobilización popular contra a presenza de Ehud Olmert no Foro “La Toja” o día 4 de outubro en Ogrobe. Ánxela Gippini lembrou que Olmert foi primeiro ministro de Israel durante a Operación Chumbo Fundido que implicou 22 días consecutivos de bombardeos na Faixa de Gaza, e considerou a súa participación como unha provocación dos sectores pro-sionistas diante da repulsa que a sociedade galega vén manifestando masivamente desde hai dous anos.
Representantes de numerosos colectivos
Xunto coa Asociación Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes, como parte deses colectivos compareceron tamén representantes de ADEGA, A Mesa pola Normalización Linguística, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Asociación de Amizade Galiza-Vietnam, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Esfarna do Ribeiro, Bloque Nacionalista Galego, Centro Social A Gentalha do Pichel, Confederación Intersindical Galega, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Comité Anti-OTAN de Compostela, Compostela por Palestina, Foro Galego da Inmigración, Galiza Nova, Marcha Mundial das Mulleres, Movemento Arredista, Plataforma Galega Vivenda Xa, Sanidade Galega por Palestina, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza, Unión da Mocidade Galega e Unión do Povo Galego.