A Consellaría de Educación continúa coa externalización da certificación do coñecemento do inglés

Anuncia dous exames de certificación B2 e C1 que levará a cabo o Trinity College
Nacional - 29 Out 2018

A Consellaría de Educación continúa coa externalización da acreditación na lingua inglesa, o que supón un gasto que se retrae do orzamento do ensino público galego.  Até o de agora o profesorado galego tiña ao seu dispor as Escolas Oficiais de Idiomas (EOIs) para certificar os coñecementos de inglés. Porén, a administración anuncia que o Trinity College levará a cabo esta certificación, "iso si, usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión.

A CIG-Ensino entende que a formación do profesorado "non pode ser unha forma de financiar entes externos, máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación, tal e como se pode ler no Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas da Comunidade Autónoma de Galiza".

Desde a CIG Ensino denuncian, ao igual que aconteceu xa o pasado ano, esta externalización e reclámase que sexan as EOIs as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas, sen concentrar os esforzos só no inglés.