A Consellaría de Educación aproveita o mes de agosto para seguir afondando na implantación da LOMCE

Publica en pleno período vacacional do profesorado as instrucións para o curso 2017/18

Nacional -

A Consellaría de Educación vén de publicar, en pleno período vacacional do profesorado, as instrucións para o curso académico 2017/18, que afondan na aplicación da LOMCE. Dende a CIG-Ensino sinalan que as instrucións chegan cando a matrícula ordinaria dos centros de secundaria, e polo tanto a elección de materias por parte do alumnado, xa está pechada. Ademais,  a Consellaría  segue a non incluír solución á situación de exclusión da lingua galega, que non considera materia troncal.

CIG-Ensino critica que para o vindeiro curse se volva limitar a impartición de materias como
Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, a que haxa un número mínimo de alumnas e alumnos, incluso no caso de centros de pequenos de ámbitos rurais ou pequenos núcleos de poboación. Estas mesmas limitación aplícanse a todas as materias optativas da Ensinanza Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.

Nas instrucións nas que a Consellaría afonda na LOMCE, volve quedar claro que só se busca un rendemento económico e de cifras, "posto que nin sequera deixa aplicar os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento nos cursos de terceiro e cuarto da ESO, limitándoos a 1º e 2º da ESO, e só excepcionalmente para 3º da ESO. E claro está, cun número mínimo de alumnos e alumnas".

Por outro lado, a Consellaría deixa patente a nula defensa que fai da nosa lingua, "pois nin sequera aproveita estas instrucións para dar solución a situación de exclusión e eliminación que o galego sofre no ensino, dadas as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO". O alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas.

Volver