A Comisión de Centro do CHUAC rexeita o peche de 200 camas durante o verán nos hospitais da Coruña

Consideran a medida un “novo golpe, que vai provocar unha maior deterioración da sanidade pública”

A Coruña -

A Xerencia do Hospital da Coruña vai pechar en torno a 200 camas este verán. A medida afecta a todos os hospitais e a todas as áreas: unidade de coidados intensivos, reanimación, uroloxía, pediatría, unidade de coidados continuos/paliativos, reumatoloxía, medicina interna, hospital de día. A Comisión de Centro hospitalaria denuncia este “novo golpe ao hospital, que vai provocar unha maior deterioración da sanidade pública”.

A Xerencia, denuncian nun comunicado, “volve demostrar de novo a súa incompetencia na xestión, a falta de planificación neste tipo de medidas e a falta de comunicación cos traballadores e traballadoras”.

Neste senso, critican que a decisión se toma con “nocturnidade e falta de transparencia”, e mesmo “rozando o ridículo” cando se comunica aos sindicatos que vai pechar toda unha área hospitalaria (a de rehabilitación, na que este hospital é referente para as enfermidades de dano cerebral), non se atenden aos argumentos en contra dese peche, “e dúas horas despois teñen que dar marcha atrás ante a imposibilidade de efectivizalo”. Ao mesmo tempo, a Xerencia rectifica nesta decisión pero “informa do peche de Coidados Continuos en Oza”.

Para a Comisión de Centro o peche de camas non é aceptable na situación na que se encontra o hospital: abandono, masificación, listas de espera asfixiantes, urxencias condenada de novo ao colapso, etc. “Pero ao Goberno galego non parece importarlle. Un goberno que anuncia inversións múltiples no ámbito social (educativo, social e sanitario) pero que segue aplicando as medidas de recortes de todos os anos”, censuran.

Ante esta nova agresión a Comisión Sindical de Centro Hospitalaria vai iniciar un calendario de mobilizacións. A primeira protesta terá lugar o vindeiro mércores 1 de xuño, cunha concentración, ás 11:00 horas, na rotonda de acceso ao CHUAC.

Volver