A CIG volve gañar as eleccións en Tecnocom ao obter 10 dos/as 17 membros do comité de empresa

Os resultados avalan o traballo sindical dos últimos catro anos

A Coruña -

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas o pasado luns na consultora de tecnoloxía Tecnocom, revalidando así a súa maioría ao lograr 10 representantes dun comité integrado por 17 persoas. O proceso desenvolveuse nos centros de traballo que a empresa ten na Coruña e Santiago para un único comité provincial, que representará as máis de 730 traballadoras e traballadores de Tecnocom en Galiza.

Estes resultados avalan o traballo sindical desenvolvido nos últimos catro anos polos delegados e delegadas da CIG, nunha compañía que destaca pola súa precariedade e a inflexibilidade e falta de vontade negociadora, o que obrigou a convocar as primeiras mobilizacións e folgas na historia desta empresa.  

Compromiso na defensa dos dereitos laborais

Neste senso, a central sindical reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos do persoal no sector  das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), no que a CIG pasou en só dous anos de ser minoritario a ser a primeira forza sindical. Esta nova situación permitiu que a CIG promovera e estea a negociar un convenio colectivo de ámbito galego, co obxectivo de reverter a precariedade e a desregulación xerados polos convenios estatais (tanto de sector como de empresa) asinados en Madrid por CCOO e UGT.  

Porque a realidade deste sector, que se reflicte con especial crueza nesta empresa, "é que os sindicatos estatais son os grandes inimigos dos traballadores e das traballadoras, pois non lles tremeu a man á hora de asinar en Madrid o peor convenio TIC da historia, que consolida a perda dun 10% do poder adquisitivo xerado nos últimos 7 anos, aumenta o período de proba e dificulta o cambio de grupo laboral".

O incremento na participación no proceso de eleccións sindicais evidencia a preocupación que existe entre o persoal diante a reestruturación anunciada por INDRA, que o pasado ano adquiriu Teconocom.  Coa maioría da representación en Teconocom e tamén en INDRA, a CIG márcase como obxectivo inmediato a defensa dos postos de traballo en Galiza e a mellora das condicións laborais dun persoal altamente cualificado pero que ten unhas condicións moi precarias.

Volver