A CIG-Vigo reclama cambios no novo regulamento do pleno co que se pretende coartar a liberdade de expresión

Solicita tamén o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística e que se facilite a presentación de iniciativas pola veciñanza

Vigo -

A CIG-Vigo presentou unha serie de alegacións á nova proposta de regulamento do pleno municipal ao entender, entre outras cousas, que o Goberno local pretende coartar a liberdade de expresión da veciñanza. A central tamén reclama o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística, que establece que o galego, como lingua propia de Galiza, é o idioma oficial do Concello. Outro dos cambios propostos ten por obxecto facilitar que a veciñanza poida presentar iniciativas ao pleno.

A CIG de Vigo presentou as reclamacións e suxestións tras a aprobación inicial do novo regulamento orgánico do pleno. En primeiro lugar, propón que no Artigo 2 se suprima o texto “Nos debates utilizarase o galego ou o castelán” xa que, tal e como recolle a ordenanza de normalización lingüística, “O idioma galego é a lingua do pleno” e “O galego, como lingua propia de Galiza, é o idioma oficial do Concello de Vigo”. A central entende que para conseguir a normalización plena do noso idioma debe promoverse o seu uso en todos os ámbitos da vida municipal.

Ao mesmo tempo, achega unha emenda ao Artigo 34, o que regula as comisións obrigatorias, no sentido de engadir que a comisión de vixilancia da contratación pública é o órgano de vixilancia da actividade contractual da Administración municipal e que o seu obxecto é garantir a aplicación efectiva dos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade e eficacia na contratación pública.

A central argumenta esta cuestión lembrando que o actual regulamento recolle a existencia desta comisión que agora se pretende eliminar e considera necesario un maior control de todo o relacionado coa contratación pública e o destino do orzamento municipal.

Outra das propostas da CIG ten que ver co Artigo 49.1, no que reclama a supresión do texto “Nin realizará manifestacións de agrado ou desagrado, nin exhibirá carteis, pancartas ou similares ”, ao entender que a súa inclusión pretende impedir que a veciñanza poida exercer dereitos fundamentais como o de liberdade de expresión.

Tamén solicita a eliminación completa do Artigo 49.3, xa que a expulsión dunha persoa dun pleno “non pode impedir no futuro a asistencia dun veciño/a a futuras sesións plenarias que son de carácter público”.

Facilitar a presentación de iniciativas

Do Artigo 49.5 pide a supresión do texto “Ningún medio, sen atoparse expresamente autorizado pola Presidencia, realizará gravacións gráficas ou sonoras das sesións”. A central lembra que as sesións plenarias son de carácter publico, polo que non se pode limitar o acceso dos medios de comunicación, “e menos que esta cuestión fique a criterio do alcalde”.

Nesta liña demanda que no Artigo 49.5 se engada que as sesións plenarias serán emitidas en directo a través da páxina web do Concello e/ou da televisión. “Co obxectivo de que a veciñanza teña un maior coñecemento das sesións plenarias e achegar a vida municipal, que mellor que emitir os plenos en directo”, sosteñen.

Finalmente, considera moi importante que no Artigo 88.1 se substitúa o texto “Ditas iniciativas deberán ir subscritas cando menos pola porcentaxe do 10% de veciños/as do municipio” por “ Ditas iniciativas deberán ir subscritas cando menos pola porcentaxe do 1% de veciños/as do municipio”. A central entende que deste xeito se facilitará que a veciñanza poida presentar iniciativas ao pleno.

Volver