A CIG-Valdeorras faise coa representación sindical na residencia de maiores Mimara San Cosme de Rubiá

Foi a única central que logrou presentar candidatura ao proceso no que se escolleron tres delegadas de persoal
Valdeorras - 27 Out 2026

A Unión Local da CIG de Valdeorras fíxose coa totalidade da representación sindical na residencia de persoas maiores Mimara San Cosme de Rubiá, pertencente ao grupo Mimara Asturias Residencial, nas primeiras eleccións celebradas na empresa para escoller tres delegadas de persoal.

A central foi a única organización que foi quen de presentar candidatura a un proceso que tivo lugar hoxe e no que participaron 35 das 49 persoas traballadoras que integran o cadro de persoal. 

No proceso participaron 35 das 49 persoas traballadoras

Dende a CIG-Valdeorras agradecen a confianza depositada no proxecto sindical que representa a central nacionalista e adiantan a súa disposición a velar polo respecto aos dereitos laborais e a seguir dando a batalla pola dignificación dos traballos de coidados.