A CIG urxe o Concello de Malpica a licitar o contrato do SAF e garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas

As traballadoras levan anos en situación precaria e sufrindo reiterados incumprimentos da empresa, que presta o servizo a contrafactura
Malpica - 27 Nov 2026

A CIG insta a o Concello de Malpica a elaborar e publicar canto antes os pregos de condicións do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva anos prestándose en precario, sen un contrato administrativo en vigor. A actual empresa presta o servizo contra factura, situación que favorece a persistencia dos incumprimentos da normativa laboral e de prevención de riscos laborais e que afecta directamente á calidade asistencial que recibe a veciñanza.

A representación das traballadoras no SAF de Malpica ten mantido conversas co alcalde nos últimos dous anos para que se regularice esta situación administrativa e se dote de garantías xurídicas a prestación do servizo, xa que a inexistencia de pregos de condicións dificulta o control e a fiscalización por parte do Concello do cumprimento das obrigas en materia sociolaboral e asistencial, así como a aplicación de penalidades contractuais ante os incumprimentos da empresa.

Porén, malia que o alcalde asegurou en numerosas ocasións que a administración está a traballar na redacción dos pregos, o certo é que as traballadoras continúan a día de hoxe nunha situación de total precariedade, sufrindo unha elevada parcialidade nas súas xornadas, reiteradas modificacións unilaterais das súas condicións de traballo e constantes alteracións dos horarios, sen as avaliacións de riscos exixidas pola normativa de prevención de riscos laborais e sen garantías efectivas do seu dereito á seguridade e á saúde no traballo.

Tras a moción aprobada por unanimidade, toca actuar

Neste contexto, a representación legal das persoas traballadoras da CIG no SAF promoveu, a través do BNG, a presentación dunha moción para instar o Concello a avanzar na licitación do contrato e, previamente, abrir unha mesa de traballo coa representación das traballadoras, co obxecto de incorporar aos pregos as súas propostas de mellora das condicións laborais e da calidade asistencial do servizo.

O texto foi tratado no pleno municipal celebrado onte, nunha sesión moi tensa, na que o alcalde negou inicialmente a posibilidade de debater a moción e entrou nunha discusión coas traballadoras presentes no salón de plenos.

Finalmente, a moción foi aprobada por unanimidade, polo que a CIG exixe ao Goberno local que dea cumprimento, sen máis demora, ao acordo adoptado polo pleno da Corporación municipal, inicie de inmediato os traballos de elaboración dos pregos e dea participación efectiva á representación das traballadoras.

“Non é admisíbel que as traballadoras dun servizo público esencial, que levan anos desenvolvendo o seu labor coa máxima profesionalidade, continúen a padecer as consecuencias da falta de regularización do servizo por parte do Concello”, denunciou Martín Caamaño, responsábel da Unión Local da CIG de Carballo.