A CIG urxe a comunidade internacional a garantir o dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental ante o fin da Misión da ONU para o Referendo

Insta o Estado español a asumir as súas responsabilidades históricas e xurídicas no proceso de descolonización
Internacional - 06 Nov 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) urxe a comunidade internacional a garantir o dereito de autodeterminación do pobo saharuí ante o remate da Misión da ONU para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO) e reclámalle á ONU e ao Estado español que asuman as súas responsabilidades históricas e xurídicas no proceso de descolonización para facilitar o dereito de autodeterminación e independencia do pobo saharahí.

A central considera imprescindíbel garantir a celebración dun referendo libre e con garantías que permita ao pobo saharauí decidir democraticamente o seu futuro, poñer fin á ocupación marroquí e avanzar cara á independencia e á plena soberanía do territorio. Ao mesmo tempo, denuncia a complicidade do Estado español coa ocupación, así como a súa falta de compromiso coa defensa dos dereitos nacionais do pobo saharauí, e reclama unha rectificación da posición gobernamental respecto do plan de autonomía proposto por Marrocos. 

É imprescindíbel garantir a celebración dun referendo libre e con garantías que permita ao pobo saharauí decidir democraticamente o seu futuro, poñer fin á ocupación marroquí e avanzar cara á independencia e á plena soberanía do territorio

A CIG reitera a súa solidariedade coa Fronte Polisario e coa organización sindical irmá UGTSARIO, e chama a reforzar a mobilización internacional fronte á ocupación, á represión, ao espolio dos recursos naturais e á vulneración sistemática dos dereitos humanos nos territorios ocupados.

Tras os recentes feitos acontecidos no Consello de Seguridade da ONU, a central entende que se abre un novo contexto sen precedentes e iníciase unha etapa crucial para a loita do pobo saharauí polo seu dereito á autodeterminación e, en última instancia, á desocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos e á consecución da súa independencia.

Durante a pasada fin de semana, o veto exercido por Rusia como membro permanente do Consello de Seguridade fronte á proposta de resolución dos EUA, constituíu a paralización temporal do amparo ao proxecto colonial de autonomía que respondía unicamente ao ditado marroquí e que acabaría por lexitimar o medio século de ocupación do territorio saharauí baixo o amparo deste organismo internacional.

Como resposta, os EUA vetaron a contraproposta de resolución presentada por Rusia e, deste xeito, o día 31 de outubro expiraba a MINURSO, a Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental, após 35 anos de implantación no territorio sen lograr o obxectivo para o que fora creada: a celebración dun referendo no Sáhara Occidental para decidir o seu futuro e exercer, por fin, o dereito á libre determinación que remate coa ocupación efectiva de Marrocos, e para saldar a débeda da comunidade internacional de completar a liberación da considerada como última colonia de África.

Cómpre recordar, así mesmo, que foron varias as tentativas de celebración boicoteadas, que quedaran paralizadas por causa da improcedente actuación de Marrocos sobre o censo pola pretensión de outorgar o dereito de votación a poboación non saharauí, mediante a inclusión de colonos enviados polo réxime marroquí aos territorios ocupados.

Á espera da reunión da Asemblea Xeral da ONU o 10 de novembro en que se explicarán o sentido dos vetos exercidos e a razón do desmantelamento efectivo da MINURSO só un día despois da expiración da misión o 1 de novembro, ábrese un panorama de incerteza para o futuro do pobo saharauí e tamén unha nova fase de resistencia para a Fronte Polisario.

Sobre estes feitos é rechamante e moi cuestionábel o silenciamento mediático que se produciu no Estado español, pois a cobertura que os medios de comunicación públicos e privados deron dos acontecementos limitouse a referir o exercicio sen precedentes do dereito de veto de Rusia e a posta en marcha do desmantelamento da MINURSO.

Así mesmo, non se deron a coñecer feitos como que o réxime marroquí emitiu comunicados e deliberou na súa sesión parlamentaria deste luns cunha posición de celebración do fin desta misión das Nacións Unidas e do que consideraron como un punto e final para a cuestión da descolonización do Sáhara e a integración definitiva en Marrocos. Tampouco se referiron as posicións de contestación que mantivo o Secretario Xeral da ONU António Guterres, en que constataba que a fin da MINURSO non supuña baixo ningún concepto a perda do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito á autodeterminación e a decidir libremente o seu futuro. 

É rechamante e moi cuestionábel o silenciamento mediático que se produciu no Estado español, pois a cobertura dos medios de comunicación públicos e privados limitouse a referir o exercicio do dereito de veto de Rusia e o desmantelamento da Misión

A ocultación xeneralizada patente nos medios de carácter estatal supón un absoluto exercicio de irresponsabilidade histórica como potencia colonizadora do Sáhara Occidental e de falta de asunción da responsabilidade xurídica que lle corresponde aínda a día de hoxe como potencia administradora, segundo as reiteradas resolucións da ONU. É preciso, con relación a isto, lembrar que Estado Español abandonou o Sáhara á súa sorte, incumprindo a promesa de celebración dun referendo en 1974, e cercou a súa poboación en barrios cando as tropas militares e a administración abandonaron o territorio.

Case en paralelo aos ilegais acordos tripartitos de Madrid de novembro de 1975 asinados entre Estado Español, Marrocos e Mauritania para a repartición do territorio entre estes dous últimos, consolidábase a ocupación de Marrocos coa referida como Marcha Verde, unha ocupación que simulaba un acto civil desde o territorio marroquí para ocultar a presenza de tropas militares. A saída efectiva do Estado Español, non se produciría, porén, até febreiro de 1976 e un día despois, o 27 de febreiro, proclamábase en Bir Lehlou (Smara, Sáhara Occidental) a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), membro de pleno dereito da Unión Africana e recoñecida por 84 estados membro da ONU.

A posición do Goberno español foi a da complicidade absoluta coa entrega e ocupación do territorio e a da lexitimación absoluta do Reino de Marrocos mediante a normalización das relacións institucionais e comerciais, e ningún dos gobernos actuou coa responsabilidade que a ONU lle exixiu nestes feitos, nomeadamente, como potencia administradora. Este realidade chega a materializarse da maneira máis descarnada co recoñecemento en 2022 por parte do Executivo presidido por Pedro Sánchez da solución da autonomía proposta por Marrocos como única viábel para o Sáhara Occidental.

Pese ao total abandono e inacción do Estado Español, o Polisario e o pobo saharauí mantiveron unha posición de loita e resistencia que se estende xa máis medio século, sen deixar de sinalar culpábeis e cómplices e sen deixar de elevar a súa voz en todos os foros e organismos internacionais para exixiren xustiza no cumprimento do seu dereito a vivir libremente nos seus territorios, a retornar todas as persoas exiliadas nos campamentos de Tindouf e en distintos países, e a construír o seu futuro a partir dun estado saharauí propio no Sáhara Occidental.

A CIG volve reiterar o seu apoio e solidariedade sobre a crenza de que esta é unha loita de carácter político, unha loita pola liberación nacional e social que nos aliña como pobos do mundo no exercicio do dereito de autodeterminación, e coa convicción de que a única solución posíbel é un Sáhara Occidental libre de ocupación e plenamente soberano.

En consecuencia co anterior e en coherencia coas históricas demandas da Fronte Polisario como lexítima representante do pobo saharauí e co histórico e estreito vínculo que nos une á central irmá saharauí UGTSARIO, a CIG exixe:

  • A implicación absoluta do actual e futuro Goberno do Estado español, como potencia colonial facilitadora da ocupación marroquí, na libre determinación e independencia do pobo saharauí. Así como tamén, a ruptura inmediata das relacións institucionais e comerciais co Reino de Marrocos e a apelación sen demora á Unión Europea, para o que é necesaria unha rectificación da postura da Presidencia do Goberno español sobre o Plan de Autonomía.

  • O restablecemento da MINURSO e o cumprimento do fin para o que foi creada por parte das Nacións Unidas, en coherencia coas súas resolucións previas para a celebración dun referendo con garantías no camiño da descolonización, independencia e dereito de retorno como única solución xusta para completar o proceso de descolonización pendente por parte do Estado español.

  • O fin da vulneración dos dereitos humanos nos territorios ocupados e a non lexitimación da represión continuada sobre a poboación saharauí.

  • A constatación por parte dos organismos internacionais das condicións dos presos políticos saharauís, en réxime de dispersión nos cárceres marroquís e privados de dereitos básicos como a atención sanitaria, o réxime de visitas e comunicación cos familiares. Mais tamén, a necesaria acción contundente dos organismos internacionais e a consecuente liberación destes ante as torturas constatadas das persoas detidas e presas políticas, así como a anulación das penas baseadas en confesións baixo tortura e sen garantías xudiciais, como é o caso dos presos de Gdeim Izik.

  • O cesamento no espolio de recursos ao que é sometido o pobo saharauí en beneficio de Marrocos, de empresas do estado español e europeas, principalmente, coa complicidade dos axentes internacionais e coa conivencia reiterada da Unión Europea, así como o resarcimento ao pobo saharauí polo despoxo e espolio dos seus recursos.

  • O fin do comercio de armas e de material militar co réxime marroquí.

  • O fin da ocultación da realidade do pobo saharauí nos medios de comunicación públicos e privados do conxunto do Estado español e o fin do silenciamento e privación do exercicio da profesión xornalística nos territorios ocupados por parte das autoridades marroquís.